Colectivos sanitarios e educativos galegos reclaman enfermeiras escolares

“O equipo docente, de novo, ten que facerse cargo de labores ás que non está afeito nin debidamente formado", apuntan
Utensilios dun médico. EP

Colectivos sanitarios e do sector educativo, así como asociacións de enfermos e de pais e nais, volveron a reclamar este luns á Xunta de Galicia que incorporen enfermeiras escolares para afrontar a urxencia sanitaria ante o inicio do curso que se aveciña e a necesidade de coidar aos escolares galegos.

“O equipo docente, de novo, ten que facerse cargo de labores ás que non está afeito nin debidamente formado; unha enfermeira escolar permite dar unha resposta adecuada neste contexto de pandemia permitindo impartir unha educación sanitaria e agora asistencia de calidade”, dixeron nun comunicado.

A esta demanda hanse sumado os colexios de enfermería de toda Galicia, SATSE, AMECE Galicia, ACEESE Galicia, FEGADI, UGADE, a Federación Autismo Galicia, ADAHPO, a Asociación Bicos de Papel, AEPOCS, CONFAPA Galicia, FECAPA Santiago, FOANPAS, ANPE, SNEP e Escolas Católicas.

Recordan no seu comunicado que a cidadanía galega xa manifestou en 2019 con case 30.000 adhesións á Proposición Non de Lei de iniciativa civil o seu interese en recoñecer e regular a figura da enfermeira escolar en Galicia, iniciativa que foi rexeitada no Parlamento autonómico.

“Nun escenario prepandemia xa sabiamos das necesidades dos colexios galegos para poder atender aos nenos con necesidades sanitarias afectados por algunha enfermidade (asma, epilepsia, diabetes, TDH, autismo, etc.), así como dos beneficios de poder engadir a educación sanitaria na escola”, aseguran, unha necesidade que se ve acrecentada coa presenza do Covid.

Os colectivos demandantes recorda que a enfermeira profesional existe en países da contorna como Francia, Suecia ou Inglaterra, e que en España xa funciona nalgunhas comunidades autónomas, mentres que está recoñecida nalgunhas outras.

Por todo o anterior, súmanse ao movemento nacional #alcoleconenfermeras e lanzan unha campaña nas redes sociais: “Unha Volta segura. Enfermería escolar”. 

Comentarios