O Consello Galego de Colexios Médicos denunciará os doutores "negacionistas" 

"A súa actitude constitúe unha grave irresponsabilidade e supón un grave perigo para a saúde pública", defende
Una sanitaria realiza un test PCR a un hombre. EFE
photo_camera Unha sanitaria realiza un test PCR. EFE

O Consello Galego de Colexios Médicos avisa de que procederá á apertura de información previa, con posterior expediente disciplinario por supostas infraccións do código deontolóxico, aos doutores "negacionistas" do coronavirus. Dúas das caras visibles do colectivo negacionista son Alejandro Sousa, urólogo do hospital de Monforte e Natalia Prego, médica de familia colexiada en Pontevedra.

Segundo informa nun comunicado, tamén denunciará ante a Fiscalía "as posibles responsabilidades penais en que puidesen incorrer" estes colexiados por comisión de delitos contra a saúde pública.

Así, o Consello Galego de Colexios Médicos tomou esta decisión ante as "recomendacións efectuadas por algúns médicos que negan a existencia da Covid-19 e da validez do test PCR", ademais de oporse a medidas como o uso de máscaras, o confinamento, distancia social e o desenvolvemento de vacunas contra a pandemia.

A Xunta Directiva do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña asegura que se ve na "obrigación ética e legal" de denunciar que "a actitude destes médicos negacionistas constitúe unha grave irresponsabilidade e supón un grave perigo para a saúde pública".

"A difusión destas mensaxes, contrarios á boa práctica médica e á evidencia científica, crea unha intolerable alarma social, nun contexto agravado pola situación de urxencia e excepcionalidade na que nos atopamos", lamenta. Ademais, o Colexio remarca que estas condutas "violan as normas deontolóxicas da profesión médica e, xa que logo, son merecedoras da correspondente sanción". 

Comentarios