Colocan un váter público en Santiago para reivindicar a liberdade de expresión

Trátase dunha iniciativa que Esculca tiña pensada para o pasado 21 de setembro, pero que tivo que ser suspendida polo mal tempo

O Observatório para a Defensa dos Direitos e Liberdades (Esculca) colocou este sábado na Praza do Toural, en Santiago de Compostela, un váter público simbólico en defensa da liberdade de expresión e en contra da Lei de Seguridade Cidadá de 2015, coñecida como 'Lei Mordaza'. 

Esta acción consiste nunha porta simulando a entrada a un WC público que calquera cidadán pode cruzar para despois escribir calquera idea nun gran rolo de papel que se atopa detrás. Xunto a isto sitúanse imaxes e frases do poeta Rosalía de Castro, o expresidente Mariano Rajoy e o rapero Valtònyc —fuxido da xustiza española en Bélxica—, entre outros personaxes. 

Trátase dunha iniciativa que Esculca tiña pensada para o pasado 21 de setembro, pero que tivo que ser suspendida polo mal tempo. Contou coa presentación da actriz Isabel Risco e a música do artista O Leo Arremecághona. 

Xunto a este váter simbólico repartiuse un panfleto no que se critica a 'Lei Mordaza' e a reforma do Código Penal que levou por ser "o mecanismo idóneo para castigar condutas que non poden ser criminalizadas pola vía penal e, xa agora, aproveitar para encher os cofres do Estado". 

Segundo cifras de Esculca, a Lei de Seguridade Cidadá puxo en Galicia, ata decembro de 2017, 34.545 multas que, en total, suman máis de 18,7 millóns de euros.

Como consecuencia da 'Lei Mordaza' e a reforma do Código Penal, condutas de enaltecemento "do franquismo son exhibidas sen problemas en moitos estadios"

"SIMPLES OPINIÓNS". Para o Observatorio para a Defensa dos Direitos e Liberdades, esta norma permite "penalizar como enaltecemento do terrorismo ou incitación ao odio simples opinións" e "como desobediencia, ofensa aos sentimentos relixiosos ou inxurias á sopreprotegida familia Borbón" o que é "o máis básico exercicio da liberdade de expresión". 

Como consecuencia da 'Lei Mordaza' e a reforma do Código Penal, condutas de enaltecemento "do franquismo son exhibidas sen problemas en moitos estadios" deportivos mentres que "estreleiras, ikurriñas, esteladas, tricolores, bandeiras anarquistas ou case anarquistas, camisetas amarelas, bufandas celtarras, insignias do Reino Suevo... son confiscadas con argumentos cínicos". 

Ademais, segundo o manifesto de Esculca, as persoas que as levan son "ameazadas, multadas ou impedidas de entrar en recintos deportivos durante meses". 

"E todo isto a pesar das sentenzas xudiciais, as resolucións do Defensor do Pobo e o ditame de organismos internacionais en que se recoñece explicitamente que o dereito á liberdade de expresión ampara a exhibición destes símbolos", sinala o colectivo. 

Comentarios