miércoles. 15.07.2020 |
El tiempo
miércoles. 15.07.2020
El tiempo

A comisión de incendios péchase sen consenso, só o PP e o PSdeG apoian o ditame

Intervención de Davide Rodríguez durante a constitución da comisión de incendios, no Parlamento. EN MAREA
Intervención de Davide Rodríguez durante a constitución da comisión de incendios, no Parlamento. EN MAREA

O órgano conclúe que non houbo tramas incendiarias e aposta por un grupo de expertos para mellorar a extinción dos lume e un ente que coordine os labores de prevención ► Aprobáronse 100 propostas para mellorar as políticas forestais

A comisión de estudo de incendios e política forestal –creada por mor da vaga de lumes de outubro de 2017 que arrasou unhas 50.000 hectáreas en Galicia e deixou catro falecidos– pechouse sen consenso dos grupos parlamentarios, ao ser apoiado o ditame só polo PPdeG e PSdeG, tras absterse En Marea e BNG. 

Esta comisión quedou constituída o 28 de novembro e tras o paso duns 60 comparecentes nos últimos meses concluíu sen un acordo de futuro de todas as forzas políticas. Con todo, dos traballos desta comisión saen máis de 100 recomendacións –aínda que En Marea e BNG desmarcáronse dalgunhas delas–. 

"Este é o ditame do PP" e "non lle vai a esixir nada ao Goberno que non estivese pactado", resumiu Xosé Luís Rivas, Mini, do BNG, nos seus reproches ao texto. 

Mini: Este é o ditame do PP e non lle vai a esixir nada ao Goberno que non estivese pactado

Nesta liña, o deputado de En Marea Davide Rodríguez criticou as "carencias importantes" do ditame ao non ir ao "fondo do problema", dado que "non foron quen de facer un informe do que se falou aquí", de forma que acusa aos populares de seguir os ditados da Consellería do Medio Rural. 

En cambio, o deputado do PP José González deixa claro que "non é un ditame do PP", á vez que dixo "tender a man" aos grupos contrarios ao texto para que cambien de opinión de aquí ata o pleno do Parlamento no que se votará o ditame da comisión. 

Leiceaga: Fixemos un traballo bo

Pola súa banda, Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG) defendeu que o ditame resultante –que se votou tras máis de dúas horas e media de receso– desta comisión, porque se propoñen "cambios de relevancia" e "o 80%" das recomendacións son compartidas por todos os grupos. "Fixemos un traballo bo", afirmou.

DISCREPANCIAS. Algúns dos puntos sobre os que mostraron a súa desconformidade as formacións de En Marea e BNG foron os relativos ás "carencias" que identifican para a mellora do servizo de extinción de incendios, unha desprotección dos montes veciñais e que non se poña coto ao eucalipto. Davide Rodríguez exemplificou que o futuro plan forestal contempla un aumento do oito por cento desta especie. 

Rivas (BNG) incidiu tamén na falta de "responsabilidades políticas", "sobre todo por incompetencia na xestión prolongada no tempo e por non dar o xiro necesario" con este ditame. E é que sostén que "é preciso un xiro de 180 graos" e "este ditame non dá ese xiro", dado que hai "temas centrais que esquece o PP". 

En cambio, Xoaquín Fernández Leiceaga dedicou boa parte da súa intervención para explicar "ben" en que consiste unha comisión de estudo como esta, que non pasa por esixir "responsabilidades" polos incendios –pois di que no seu día xa se pediron ao director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández Couto–, nin de "facer un xuízo" á política forestal do PP, que ve reprobable. 

Ademais, o socialista asegura que este ditame supón "unha rectificación en profundidade da política forestal", porque se recoñece que "non existe terrorismo incendiario", que "a política de ordenación rural foi moi limitada", que "a ordenación de terras non funcionou como debería funcionar" e que as brigadas municipais deben desaparecer. Tamén valora que a Xunta vai ter que ir ao Parlamento para render contas sobre o cumprimento das medidas. 

Recoméndase a creación dun grupo de expertos –elixidos polos grupos parlamentarios– que antes do período de alto risco de 2019 estableza melloras para o servizo de extinción

Finalmente, José González (PP) queixouse da postura de En Marea e BNG, debido a que "saben que é un bo ditame e teñen imposición para votar en contra". De feito, o popular defende que é un ditame "valente" que aposta por resolver os problemas "estruturais".

RECOMENDACIÓNS. Desta comisión saen máis dun centenar de recomendacións como a posta en marcha dun ente instrumental específico –dependente da Xunta– que coordine a todas as administracións en materia de prevención de incendios e vixilancia de incumprimentos, con asesoramento estable aos concellos. 

Ademais, recoméndase a creación dun grupo de expertos –elixidos polos grupos parlamentarios– que antes do período de alto risco de 2019 estableza melloras para o servizo de extinción. Entre estas máis de 100 medidas, se aposta por: unha ordenación integral do territorio, potenciar as competencias da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, a multifuncionalidad do monte, a gandería en extensivo, a inclusión obrigatoria de frondosas autóctonas nas plantacións produtivas e incentivos fiscais no rural. 

Agora o ditame estará aberto durante uns días á presentación de votos particulares para finalmente ser votado en pleno.

Polémica
Aínda que a palabra consenso foi unha das máis repetidas desde o comezo desta comisión xa o primeiro día houbo polémica pola composición da Mesa deste órgano, ao que seguiron as denuncias por parte da oposición de vetos a algúns expertos propostos. 

Despois chegaron as ausencias de comparecentes convocados como o anterior delegado do Goberno, Santiago Villanueva, a Unidade Militar de Emerxencias e Ence. E finalmente non se chegou a un texto apoiado por todos. Xa o informe da comisión dos incendios de 2006 durante o bipartito aprobouse sen unanimidade. Naquel entón o PP non participou nese órgano ao considerar que debía ser de investigación. 

FRANXAS SECUNDARIAS. A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) aprobou este martes o último borrador do convenio para a limpeza das franxas secundarias –terreo que se debe manter libre de masa vexetal ao redor de casas e outras edificacións para evitar incendios forestais– proposto pola Consellería do Medio Rural, en sesión extraordinaria da súa comisión executiva, coas abstencións do BNG e En Marea. 

A comisión de incendios péchase sen consenso, só o PP e o PSdeG...
Comentarios