As comisións de absentismo estudarán as ausencias de alumnos pola pandemia

Educación xustifica a súa creación nesta nova problemática, trasladada por directores e inspectores
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez. SEBAS SENANDE
photo_camera O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez. SEBAS SENANDE

As comisións provinciais de absentismo constitúense formalmente. Estes novos organismos, adscritos á Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vixiarán e estudarán un novo fenómeno vinculado á pandemia: as ausencias prolongadas e reiteradas de alumnos debido á covid-19. 

O comité educativo de expertos que asesora á Xunta, a inspección e equipos directivos advertiron de diversos casos que se detectan nalgúns centros desta problemática emerxente. 

Segundo indica a administración galega na orde pola que se crean estas comisións, publicada no DOG este venres, estes estudantes alegan situacións de vulnerabilidade no domicilio familiar ou medo insuperable a contaxiarse e solicitan atención virtual ou na súa vivenda. 

Esta situación, engade a Xunta, levou a expor o impulso destas comisións, para abordar caso por caso desde o rigor e atendendo ao contexto particular de cada alumno e familia e poder tomar a decisión máis adecuada e pertinente ao benestar do menor. 

As comisións valorarán os casos derivados polas xefaturas territoriais a proposta dos centros, e logo da tramitación do expediente correspondente e determinado polo protocolo de absentismo (e informe da inspección educativa). 

Cada caso valorará a situación particular do menor, o seu estado de saúde e o dos seus familiares, as circunstancias sociofamiliares e a evolución epidemiolóxica nese momento. Deste xeito, a comisión emitirá un ditame que será vinculante para que os centros poidan adoptar unha decisión e aplicar as medidas necesarias, ou para propor a súa elevación ao Ministerio Fiscal. 

Comentarios