Feijóo móstrase a favor de excluír persoas vulnerables das mesas e favorecer o voto por correo

Un operario apilando urnas. ARCHIVO
photo_camera Un operario apilando urnas. ARCHIVO

Resolta a incógnita da data, a pandemia incorpora outras que marcan a convocatoria das eleccións autonómicas do 12 de xullo e obriga a extremar precaucións. Nunha comunidade que aínda está comezando a saír do confinamento, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, suxeriu este luns que a Xunta Electoral Central debería facer unha interpretación "flexible" da normativa para facilitar, na actual conxuntura, que os galegos poidan exercer o dereito a voto de forma "responsable, sen medo e en liberdade". Ao seu modo de ver —e aínda que precisou que el non ten en principio esa competencia—, sería conveniente facilitar que persoas vulnerables poidan non estar nunha mesa electoral, ou cuestións como o voto por correo e mediante fedatario público

De feito, tras poñer data á cita electoral, o popular foi preguntado expresamente este luns polos galegos que viven en residencias e explicou que, nesta conxuntura, "se hai unha persoa maior que non pode saír dunha residencia para votar, claro que pode facelo a través dun fedatario público, como xa sucede nas eleccións municipais ou xerais". 

Feijóo subliñou que, neste caso, as fórmulas "son exactamente iguais ao resto de eleccións democráticas", pero tamén foi preguntado por outras situacións que poderían darse, como que haxa quen poida negarse a estar nunha mesa electoral por risco para a súa saúde. Ou qué sucederá con aqueles galegos que teñen algunha enfermidade se son chamados a formar parte das mesmas. 

Preguntado acerca de se, nesta conxuntura, alguén podería ser sancionado por negarse a ir a unha mesa electoral, apuntou que el non é "competente" para pronunciarse respecto diso nin lle corresponde "sancionar a ninguén". "Acabo de solicitar unha interpretación flexible das obrigas que teñen as persoas que resulten electas para formar parte das mesas", dixo. 

A continuación, interpretou que, igual que unha persoa que está de baixa por enfermidade pode alegar esta cuestión para non acudir ao colexio electoral, "alguén confinado podería alegar ese feito incontestable". "E entendo que a Xunta Electoral ten que aceptar esa alegación; son principios básicos de dereito vixentes en calquera momento", dixo.

O presidente da Xunta apela a unha interpretación "flexible" por parte da Xunta Electoral para "facilitar o voto sen medo e en liberdade" 

FAVORECER O VOTO POR CORREO. Consciente de que hai unha lexislación electoral que é preciso "cumprir" e de que determinadas precisións terá que facelas a Xunta Electoral, explicou que a Consellería de Presidencia estuda que criterios serían "recomendables" para garantir a seguridade, recomendacións que tamén analizarán os expertos do comité clínico que asesora ao Executivo autonómico desde o principio da pandemia. 

"Se é posible excluír persoas vulnerables das mesas, sería positivo. Pero non sei se é posible coa lexislación. Esperemos ter a interpretación máis favorable para coidar a saúde das persoas (...) Gustaríame que houbese a interpretación máis ampla para favorecer o voto por correo ou mediante fedatario público", dixo. 

Feijóo tamén reiterou que haberá que garantir a distancia de seguridade para votar e mostrouse partidario de dar "facilidades" desde o punto de vista do horario nos colexios electorais. Así, aínda que entende que a lei determina que os centros pechan ás 20.00 horas, asegurou que, dado o carácter excepcional da convocatoria, aquelas persoas que estean no colexio ou nas inmediacións do mesmo deberían poder votar aínda que se supere esa hora. 

"Estamos a finalizar un informe de recomendacións; contrastarémolo coa asesoría xurídica e a Xunta Electoral", avanzou o presidente galego, quen defendeu que o obxectivo debe ser "facilitar o voto sen medo, responsable e en liberdade".

A primeira vez que Galicia vota no verán
Máis aló dos condicionantes da pandemia, esta cita coas urnas ten outra novidade, porque esta será a primeira vez que os galegos voten en pleno verán.

Nos plans do presidente galego nunca estivo unha cita electoral á que acudir en chanclas e bañador. Cun calendario que sinalaba o final da lexislatura no outono, en febreiro axitouse o taboleiro político ao quedar convocados os comicios, inicialmente, para abril.

Non foi posible, o coronavirus truncou os plans, e Galicia, do mesmo xeito que o País Vasco, tivo que aprazar as eleccións. Agora, os galegos acudirán ás urnas o próximo 12 de xullo; unha data atípica para unhas eleccións atípicas.

Xustifica o adianto en buscar o momento sanitario máis seguro e, ademais, na urxencia de que o Parlamento galego recupere as súas funcións posto que a Cámara se disolveu en febreiro e desde entón apenas tivo actividade, salvo un par de reunións da Deputación Permanente.

Unha vez que o reloxo electoral se puxo a correr, é probable que a próxima actividade que acollan as paredes do hemiciclo galego sexa xa a conformación do novo arco parlamentario.

Galicia votou maioritariamente no outono —en outubro de 1981, novembro de 1985, outubro de 1993, outubro de 1997, outubro de 2001, outubro de 2012 e setembro de 2016—, tamén no inverno de 1989 e na primavera de 2005, pero nunca, ata agora, en época estival.

Comentarios