lunes. 14.06.2021 |
El tiempo
lunes. 14.06.2021
El tiempo

Compostela Aberta, a Rajoy: "Os recortes e a corrupción do PP indignan máis que o pregón"

Carlos Santiago, durante o pregón. CONCELLO DE SANTIAGO
Carlos Santiago, durante o pregón. CONCELLO DE SANTIAGO

"Na nosa inxenuidade criamos que se acordaría de Santiago para desculparse polo espectáculo de Agustín Hernández no Sar", replicou a candidatura de unidade popular

 

Compostela Aberta, a candidatura de unidade popular en cuxas listas se presentou o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, replicou ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, o tuit publicado este domingo con críticas ao pregón de entroido na capital galega.

Nese tuit o presidente do Goberno censuraba o polémico pregón do Entroido de Santiago por entender que indigna "á maioría".

No pregón, un humorista fixo alusións, segundo varios testemuños de asistentes recollidos por algún medio local, soeces e ferintes contra o apóstolo e a Virxe do Pilar.

"Pero señor M. Rajoy, teña claro que os recortes, as políticas de sufrimento e os casos de corrupción do PP indignan moito máis aos veciños de Santiago que 'ese pregón do que vostede nos fala'. E todo iso non o poden tirar polo río abaixo como vos gustaría", indica outro tuit de Compostela Aberta e difundido á súa vez na conta de Martiño Noriega nesta rede social.

Deste xeito, Compostela Aberta alude tamén a outra polémica municipal dos últimos días, causada por unhas imaxes do portavoz do PP no concello, Agustín Hernández, exalcalde e exconselleiro de Medio Ambiente. Nelas, Hernández acode ás beiras do río Sar para denunciar a súa contaminación e falta de limpeza e tras ensinar varios residuos a cámara arróxaos ao río.

"Señor M. Rajoy, na nosa inxenuidade criamos que se acordaría de Santiago para desculparse polo espectáculo de Agustín Hernández no Sar. Claro que aínda esperamos as súas desculpas polas desfeitas dos gobernos do PP que vostede amparou", continúa a formación de goberno en Santiago con imaxes e mencións a anteriores alcaldes do PP na pasada lexislatura que acabaron dimitindo tras ser investigados (Anxo Currás) e mesmo condenados (Gerardo Conde Roa).

Na súa conta persoal, o alcalde tamén replica a Mariano Rajoy, a quen lle escribe: "Por que, por que, os domingos pola tarde (non) abandónasme polo fútbol?". 
 

Compostela Aberta, a Rajoy: "Os recortes e a corrupción do PP...
Comentarios