O compostelán Miguel Pampín, o mellor tirador de cervexa de España de 2019 

O hostaleiro do restaurante O Ferro, de tan só 20 anos, afirma ser un "apaixonado" desta bebida

Miguel Pampín, mellor tirador de cervexa de España. ESTRELLA GALICIA
photo_camera Miguel Pampín, mellor tirador de cervexa de España. ESTRELLA GALICIA

O compostelán Miguel Pampín foi galardoado este martes como o mellor tirador de cervexas de España 2019 tras gañar a final do VI Campionato Nacional Estrella Galicia de Tiraxe de Cervexa, que se celebrou no marco do 33 Salón Gourmets de Madrid, no que competiron 15 hostaleiros de todo o país. 

Pampín, hostaleiro do restaurante O Ferro en Santiago de Compostela, conta con 20 anos de idade e tras obter o galardón afirmou ser un "apaixonado da cervexa" e da "solemnidade que hai detrás dun bo servizo de cervexa". 

"Non me esperaba gañar porque ademais este ano había moitísimo nivel. Estou moi feliz e agradecido a toda a xente que me apoiou", apostilou Miguel Pampín este martes após converterse no mellor tirador de España, segundo recolleu Estrella Galicia nun comunicado. 

Segundo el, para tirar unha boa cervexa "a técnica é moi importante", pero tamén o é "ofrecer ao cliente un sorriso". "O que buscan é tamén unha persona simpática porque para eles é un momento para pasalo ben e gozar", indicou. 

Pampín chegou ao Campionato como gañador o ano pasado do Beer Master Next Generation, unha xornada sobre cultura de cervexa que pon a proba aos futuros profesionais do sector.

SEGUNDO PREMIO. Pola súa banda, o segundo premio do galardón levouno a galega Laura Martínez, da Bodeguilla de Santa Marta, tamén en Santiago de Compostela. 

Martínez, nacida en Carnota, declarou sentirse "moi contenta" como subcampioa. "Na semifinal de Galicia estaba moi nerviosa, pero hoxe gocei moitísimo. Aínda que non gañase merecería a pena", asegurou. 

Xunto a eles, os outros tres finalistas que se disputaron o campionato e foron premio accésit do xurado foron Aarón Rodríguez da Taberna A Pracería en Laxe, Benjamín Seoane do Pub Atlántico en Santiago de Compostela e Luis Manuel Martínez da Tapería de Rosa en Aravaca (Madrid). 

Os cinco finalistas recibirán como premio o seu propio peso en cervexa de Estrella Galicia. Doutra banda, a dotación económica para o gañador foi de 1.000 euros. A subcampioa recibiu 600 euros e entregáronse tamén tres accésit de 150 euros.

Comentarios