En Común pide que a data para novas eleccións se decida por consenso

Antón Gómez Reino. EFE
photo_camera Antón Gómez Reino. EFE
A coalición Galicia en Común-Anova pedirá este luns ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, que se finalmente aprázanse as eleccións convocadas para o próximo 5 de abril a nova data sexa decidida por consenso entre os partidos que concorren.

O presidente da Xunta convocou aos líderes de PSdeG, Galicia en Común, BNG, Cidadáns e Vox a unha reunión co obxectivo de analizar a situación provocada pola crise sanitaria e na que tamén se abordará a situación electoral, despois de que tanto el como o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, admitisen que é “razoable” atrasar os comicios.

Baixo este escenario, o candidato de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, incide na necesidade de buscar “consenso para atrasar as eleccións de 5 de abril e facelo de acordo co resto das formacións políticas que concorren ás mesmas, e cuxas candidaturas xa foron ratificadas”.

Nese sentido, Gómez-Reino proporá este luns que, de acordarse o adiamento electoral, “sexa esa mesma mesa de partidos a que mediante un novo acordo poida, no futuro, activar novamente no proceso electoral no escenario idóneo”.

Núñez Feijóo, facendo uso da prerrogativa que lle outorga ser o presidente da Xunta, reuniu ao seu Goberno o pasado 10 de febreiro para convocar os comicios para o 5 de abril, que agora parece que se atrasarán a unha data aínda sen determinar, en tanto que el sostén que por agora "non toca" fixar unha nova convocatoria.