Os concellos galegos piden un fondo de 340 millóns polas competencias autonómicas que asumen

As proxeccións da Fegamp estiman que o peor ano para as arcas municipais será 2022
Alberto Varela.DP
photo_camera Alberto Varela, presidente da Fegamp. DP

Os concellos galegos piden a creación dun fondo extraordinario de compensación por valor de 340 millóns, cantidade que estiman que están asumindo cando se trata, ao seu xuízo, de competencias do Goberno autonómico.

Esta foi unha das peticións que recordaron este martes, día en que o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela, presentou o plan de acción no ámbito municipal tras o estado de alarma.

Este documento, consensuado pola xunta de voceiros, órgano con representación de todas as formacións políticas que gobernan, recolle unha análise do contexto económico no que os concellos prestarán os seus servizos e un plan de acción con máis de 50 medidas multifocais.

Debido ao coronavirus, as actividades que teñen que desenvolver as entidades locais "mudaron extraordinariamente" tanto en grao de prestación coma en competencias, "tendo que reforzar os servizos básicos tradicionais dos concellos e implementar novos de carácter urxente", explica a Fegamp nun comunicado.

"Os concellos veñen acusando de lonxe un sobreesforzo pola asunción de competencias impropias.  A resolución desta problemática é unha das reclamacións máis reiterada nos últimos anos pola Federación Galega de Municipios e Provincias, que na derradeira asemblea xeral, propuxo a dotación dun fondo extraordinario de compensación por valor de 340 millóns de euros", abonda a federación que aglutina os concellos galegos.

Segundo os seus cálculos, as condicións de prestación de servizo por parte dos concellos veranse agravadas ao logo do tempo por unha caída no financiamento. As proxeccións iniciais da Fegamp (estimadas contando con que non se recalculen nin PIE nin FCL fixados para este ano) deixaría en 2022 un saldo negativo para as entidades locais de case 400 millóns de euros.

A proposta da Federación Galega de Municipios e Provincias contempla medidas paliativas, de recuperación económica e social, de expansión económica e medidas transversais.

A primeira petición é non tocar os importes do PIE e FCL de este ano para poder enfrontar a emerxencia, e de cara ao futuro solicítase unha ordenación das finanzas locais tanto a nivel estatal como autonómico no que os concellos e deputacións poidan dispor da autonomía para poder empregar de forma óptima os recursos de acordo ás súas especificidades.

A Fegamp considera "imprescindible" a creación inmediata dunha comisión de análise e seguimento da situación económica, financieira e social. O documento inclúe tamén propostas de carácter social como a reforma do Ibi, medidas de protección do pequeno e mediano comercio polo seu peso na dinamización económica e dedica un paquete especial de propostas ao avance tecnolóxico na nosa comunidade.

Comentarios