Condenados a 3 años y 9 meses de prisión por cobrar durante 24 años la pensión de un fallecido

Aos acusados tamén se lles impuxo o pago dunha multa de 67.800 euros, a cantidade defraudada á Seguridade Social durante máis de dúas décadas

Un matrimonio acusado de fraude contra a Seguridade Social, estafa e falsidade documental aceptou este luns a pena de 3 anos e 9 meses de prisión tras un acordo de conformidade no xuízo celebrado na Sección Primeira da Audiencia Provincial da Coruña.

Ademais, aos acusados tamén se lles impuxo o pago dunha multa de 67.800,26 euros, que equivale á cantidade defraudada á Seguridade Social durante máis de dúas décadas.

O matrimonio condenado cobrou de maneira fraudulenta durante 24 anos as prestacións non contributivas que a Xunta concedera ao pai da acusada no ano 1990 e que faleceu en 1991.

Ao longo de todos estes anos, tal e como se recolle no escrito da Fiscalía, nin o xenro nin a filla comunicaron á Xunta o falecemento do beneficiario polo que a Administración continuou ingresando a contía das prestacións na conta bancaria que o falecido compartía coa súa esposa, falecida en 2015 e investigada ata ese momento.

O condenado, tal e como demostran os feitos, era quen cubría toda a documentación requirida facéndose pasar polo seu sogro mentres que a súa muller, filla dos falecidos, era quen falsificaba a firma do seu pai.

O matrimonio este luns condenado repetiu todo este proceso administrativo para cobrar indebidamente as axudas ata que no ano 2013 a Xunta requiriu do beneficiario o seu consentimento para investigar os seus datos económicos e fiscais.

Ante o temor de verse descubertos os acusados mantiveron silencio polo que a Xunta, fronte á ausencia de resposta, decidiu suspender provisionalmente as axudas no ano 2014. O matrimonio decidiu entón comunicar á Xunta que o beneficiario se trasladaba a Madrid a vivir cun fillo e que sería este quen se encargaría de realizar as xestións para tramitar as axudas.

Ao descubrir a Xunta que non existía tal cambio de residencia e que o solicitante falecera en 1991, os acusados, coa finalidade de saír impunes fixeron responsable á nai da acusada.

Para iso elaboraron un escrito no que supostamente a esposa do falecido recoñecía o cobro indebido das axudas e ofrecíase a restituír o importe do cobrado indebidamente. O acusado escribiu el mesmo o escrito e neste caso, a acusada falsificou a firma da súa nai, que faleceu un ano despois, en 2015.

Comentarios