O confinamento xerou unha diminución do 60% do ruído en Galicia

O tráfico de vehículos e os acontecementos de lecer adoitan ser os principais axentes de contaminación acústica 
Atasco. AEP
photo_camera Atasco. AEP

As medidas de restrición de movemento de persoas e de confinamento nos fogares para conter a pandemia de coronavirus xeraron unha diminución de, polo menos, un 60 % na contaminación acústica en Galicia, segundo un informe divulgado pola axencia pública Meteogalicia.

O informe, divulgado con motivo do Día internacional de concienciación sobre o ruído, que se celebra este mércores, afirma que nalgúns casos reduciuse ata un 70 %, cunha rebaixa media de 4 a 5 decibeis.

O tráfico de vehículos e os acontecementos de lecer adoitan ser os principais axentes de contaminación acústica en Galicia, sinala o citado organismo no quinto informe anual que elabora sobre os niveis de ruído.

A contaminación acústica constitúe "unha das alteracións ambientais que máis preocupación social produce en termos de poboación afectada", asegura o estudo, que advirte da súa repercusión na calidade de vida e os trastornos que pode ocasionar, como alteración do soño entre nenos ou de tipo arterial en adultos. 

Comentarios