Confrarías galegas piden á UE que a pesca artesanal quede á marxe das cotas

O patrón maior da Confraría de Cangas, Javier Costa, considera que esta flota "debe ter un trato diferenciado"

Miranda xunto a Costa e Iglesias en Bruxelas. BNG
photo_camera Miranda xunto a Costa e Iglesias en Bruxelas. BNG

Representantes de confrarías pesqueiras galegas pediron este luns en Bruxelas que a Unión Europea (UE) exclúa a pesca artesanal das cotas e mostraron a súa preocupación ante a entrada en vigor en xaneiro da ampliación da obrigación de desembarco, que prohibe arroxar os descartes pola borda.

Nunha rolda de prensa no Parlamento Europeo (PE), a eurodiputada Ana Miranda (BNG) considerou que é "un momento crucial" para a pesca artesanal e para facer ver ás institucións europeas "a situación específica deste sector", nun contexto de preocupación pola entrada en vigor dese regulamento.

En decembro, os ministros dos Estados membros negociarán os Totais Admisibles de Capturas (TAC) e cotas para as augas do Atlántico e o mar do Norte de 2018.

En primeiro lugar, Miranda insistiu na necesidade de "redefinir" a pesca artesanal, actualmente delimitada polo tamaño dos buques, e pór en valor "o seu impacto ambiental e socioeconómico".

O patrón maior da Confraría de Cangas, Javier Costa, considerou que "a pesca artesanal debe ter un trato diferenciado" e debe estar libre" de TAC e cotas.

Costa denunciou a "pouca cantidade de cota" que ten asignada esta flota, e que "cada ano" redunda en prohibicións de faenar "insostibles" para esta comunidade pesqueira.

"Somos unha pesqueira que vive de lotes, diaria e pedimos un trato diferenciado", defendeu, á vez que mostrou a súa preocupación pola lei que entrará en vigor en 2019 e ampliará as obrigacións de desembarcos pesqueiros nos portos, que "afectará especialmente á flota pequena", nun "50 % ou incluso un 100 % da súa actividade".

Pola súa banda, o patrón maior de Rianxo, Miguel Ángel Iglesias, explicou a Efe que as confrarías galegas presentarán unha petición conxunta co obxectivo de que esta flota "quede fóra das cotas dado que ten un impacto socioeconómico fundamental na costa galega".

Ese impacto socioeconómico, segundo Miranda, ten que ser tamén clave na definición da pesca artesanal "baseada en criterios realistas e non na dimensión da embarcación".

En canto á prohibición dos descartes, Iglesias considerou que "é unha ruína para moitos pobos costeiros galegos" que se verán obrigados a parar a súa saída ao mar, incluso durante meses.

Os representantes do sector tamén incidiron na necesidade de incentivar aos mozos para que haxa substitución xeracional no mar, algo que "depende da vontade política".

Comentarios