Conmoción polo suicidio dunha moza de 17 anos de Rois que sufriu acoso

A morte dunha moza de 17 anos de Rois, na Coruña, que tería sufrido acoso escolar causou unha gran conmoción. Uns días despois de que a moza se quitase a vida, máis dunha decena de asociacións en defensa dos dereitos do colectivo LGTBIAQ emitiron un comunicado para lamentar o que consideran un "asasinato social".

A familia, mentres, pediu "respecto" ao seu dereito á intimidade e que non se realicen "xuízos de valor que poden ser gravemente ofensivos e inxustos". Fíxoo a través dun comunicado recollido por algúns medios.

Os colectivos LGTBIAQ, pola súa banda, denuncian que "non é un suicidio, é un asasinato social". "Todas e cada unha das persoas que a odiaban por ser bisexual, e que llo demostraron, son as súas asasinas", censuran.

Inciden tamén na responsabilidade de quen "quizais non a odiaba pero tampouco a apoiaron, que miraron para outro lado cando era agredida, por medo ou por indiferenza". E sinalan tamén que "todas as persoas con capacidade para actuar, que sabían o que acontecía, pero que non se posicionaron nin se implicaron o suficiente, son cómplices do seu asasinato".