O conselleiro de Sanidade confía en aprobar en xaneiro o contrato para novos médicos

"As medidas de protesta están ben cando a administración fai oídos xordos, pero agora isto non é así", replica sobre a protesta do 27 en Vigo 
 

Vázquez Almuiña. AEP
photo_camera Vázquez Almuiña. AEP

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, avanzou que a intención da Xunta de Galicia é aprobar o novo contrato para captar médicos de atención primaria e de pediatras e que sitúa como unha das medidas para facer fronte ás carencias denunciadas nos últimos meses por usuarios e facultativos. 

Almuiña, en entrevista na Radio Galega recollida por Europa Press, tamén defendeu outras medidas adoptadas pola administración, como o incremento da xubilación aos 70 anos ou a solicitude de incrementar as prazas MIR para formar a pediatras. 

Ademais, mostrouse contrario a propostas "restritivas" en Atención Primaria e, tras manifestar que manifestacións como a prevista en Vigo para o próximo 27 de decembro "non van resolver" os problemas existentes, móstrase partidario de que sexa o persoal de enfermaría o que valore, como paso intermedio, que pacientes, sen cita previa, deben ser atendidos polo médico de cabeceira e cal poderían ser derivados ao día seguinte. 

En todo caso, Almuiña situou como primeira medida o novo modelo de contratación a médicos de atención primaria e pediatras que permitiría "un contrato estable, dun ano como mínimo, ampliable até tres anos", co obxectivo de poder captar non só aos que realicen a súa residencia en Galicia senón tamén aos doutras comunidades autónomas. 

O obxectivo é "levalo nos primeiros días de xaneiro para negociar cos sindicatos, xa falamos con eles nalgunha reunión, e agora a idea é poder aprobalo no mes de xaneiro", remarcou. 

O conselleiro defende que, salvo no tema vinculado á antig~idade, co novo contrato, as condicións si serán similares ás dos médicos fixos do Sergas, con novidades como a posibilidade de que poidan gozar de vacacións. 

Para concretar este modelo de contrato, explicou que o Sergas estivo en contacto co sistema sanitario do País Vasco, para coñecer o que se implantou nesta comunidade. 

Manifestación en Vigo
Como segundo alicerce das medidas previstas para paliar o déficit de facultativos, Almuiña cita a posibilidade de que poidan estar en activo até os 70 anos –aprobada en 2015– e a solicitude ao Ministerio de que se incremente a oferta MIR para formar a pediatras, xa que, na actualidade, a cifra é de 20 ao ano. 

Ante as críticas sindicais á Oferta pública de emprego (Ope) de 2018, por "cortoplacista", o conselleiro defende as cifras e a taxa de reposición prevista, por situarse por "encima doutras comunidades" e "do cento por cento", aínda que recoñece que chega tras unha época de crise económica na que non se alcanzaba.

Por outra banda, o conselleiro centra a problemática de Vigo no "proceso complexo de organización" derivado da apertura do novo hospital, que provocou que a relación entre primaria e hospitalaria sexa "menos fluída" e apela ao diálogo, con críticas á manifestación convocada para o día 27. 

Comentarios