O Consello de Colexios Médicos rexeita o bono da Xunta e pide "dignidade, non frivolidade"

O Executivo galego anunciou este venres un ingreso extra de 250 euros para traballadores sanitarios
Personal sanitario en un hospital. EFE
photo_camera Personal sanitario en un hospital. EFE

O Consello Galego de Colexios Médicos manifestou este sábado o seu rexeitamento ao bono de 250 euros para traballadores sanitarios, de residencias e de centros de atención á discapacidade que a Xunta anunciou este venres e pediu que se trate a estes profesionais con dignidade, "non frivolidade". 

Nun comunicado, a organización, que reúne a máis de 13.000 facultativos, mostra o seu "máis rotundo rexeitamento" ante "tan singular medida". "A nosa deontología e o noso xuramento hipocrático impídennos aceptar propinas como esta ,"indica. 

Ademais, destaca que os sanitarios cumpriron coa súa obrigación nestes meses de crise sanitaria e dérono todo", cunha entrega levada "ao límite" e arriscando a súa propia saúde. Por iso, agora reclaman "estabilidade no traballo, non contratos temporais, e recursos suficientes" para desenvolver o seu traballo "nas mellores condicións de seguridade e eficiencia". 

"Nunha palabra, pedimos que a administración nos trate coa consideración debida e reforce o noso sistema sanitario para facer fronte a continxencias como a que vivimos e estamos a vivir", insiste o Consello. 

Aínda que traslada o seu "solidariedade" á hostalería, un sector que a Xunta pretende estimular con este bono, que se poderá gastar en restaurantes e aloxamentos, a organización de médicos indica que hai "medios para socorrelo sen caer en medidas pouco serias e que soan a improvisación". 

Comentarios