A consulta para declarar Samil e Rodas libres de fume suma case 25.000 votos, o 77% a favor

A enquisa activada polo Concello de Vigo respecto das praias capta moito máis interese que o posible veto ao tabaco en Balaídos

Areal en Baltar, en Portonovo, un dos que loce o distintivo da campaña 'Praias sen fume'. JAVI CASAL
photo_camera Areal en Baltar, en Portonovo, un dos que loce o distintivo da campaña 'Praias sen fume'. JAVI CASAL

A consulta popular activada este martes sobre a posibilidade de que se prohiba fumar nalgunhas praias de Vigo rexistrou en apenas un día 24.848 votos. Dese total, o 77,84% mostrouse a favor da iniciativa.

Menor actividade rexistrou, de momento, a enquisa sobre un posible veto ao consumo de tabaco no estadio de Balaídos, de propiedade municipal, xa que participaron na mesma 9.159 cidadáns, dos que o 83,02% manifestouse partidario de pór coto ao fume. A votación, segundo explicou o alcalde, Abel Caballero, realízase por teléfono móbil e o sistema só permite un voto por cada dispositivo.

Caballero avanzou que a súa idea é declarar Samil praia libre de fumes, así como a de Rodas, nas illas Cíes. No caso de Vigo, barállase a aplicación de medidas coercitivas a través dunha ordenanza que entraría en vigor en 2020.

PRAIAS SEN FUME. Galicia conta con 141 praias libres de fume, repartidas entre 64 municipios, case un 30% do total dos areais da comunidade autónoma, pioneira nesta iniciativa, na que lle seguiron os pasos Murcia e Canarias, informaron fontes da Xunta.

Foi Baiona o municipio que en 2012 tomou a dianteira coa primeira praia libre de fume en Galicia

A denominada Rede galega de praias sen fume, posta en marcha en 2016 pola Consellería de Sanidade, incumbe a un 56% dos municipios costeiros, que polo menos ten un dos seus areais con estas características. Nestas praias non se pode fumar na zona de area e quedan excluídas aqueles espazos ao aire libre dos locais de hostalería situados nelas.

Non existe vixilancia nin sanción para os incumplidores, trátase dunha responsabilidade persoal, sinalan as fontes da Xunta. Foi Baiona o municipio que en 2012 tomou a dianteira coa primeira praia libre de fume en Galicia.

Vigo baralla a aplicación de medidas coercitivas a través dunha ordenanza que entraría en vigor en 2020

Como novidade, en 2018 incorporouse a posibilidade de incluír na Rede galega de praias sen fume as fluviais, e nestes momentos son 15 as que se adheriron á mesma. Ademais, a rede estendeuse aos portos, e na actualidade ostentan a condición de espazos sen fume os de Portosin, Portoson, Ribadeo e Baiona.

A Xunta recalca que agora Cataluña e Baleares están a iniciar iniciativas similares, e outras comunidades como Asturias, Andalucía ou Valencia tamén mostraron o seu interese pola experiencia de Galicia. O Concello de Vigo, o de maior tamaño de Galicia, acaba de activar na súa web corporativa unha consulta popular sobre a prohibición de fumar nalgunhas praias así como no estadio de Balaídos, de propiedade municipal.

Comentarios