Achan o cadáver do mozo desaparecido en Ordes desde o domingo

Máis de 200 voluntarios participaron esta mañá na batida
Santiago Manteiga
photo_camera Santiago Manteiga

O dispositivo de procura do mozo Santiago Manteiga López no termo municipal de Ordes localizou esta mañá o corpo sen vida do mozo, informaron a Efe fontes da Policía Local.

O corpo foi achado esta mañá na zona entre as parroquias de Leira e Ardemil, no citado municipio coruñés, por un dos grupos do amplo operativo formado por Garda Civil, Protección Civil, Policía Local, Bombeiros, máis de 200 voluntarios e o equipo de drons da Axencia Galega de Emerxencias.

Na zona na que foi atopado o cadáver buscábase desde o pasado domingo ao mozo Santiago Manteiga, de 19 anos e natural de Xanceda, no municipio de Mesía.

Este mozo participara o sábado na cea de Nadal da empresa na que traballaba, unha explotación gandeira do municipio de Mesía, e segundo algúns veciños foi visto por última vez ao mediodía do domingo na parroquia de Leira.

Segundo indicaron os familiares, estaba previsto que fose recollido pola súa irmá nun bar da estrada N-550 que une Santiago de Compostela coa Coruña, pero o mozo nunca apareceu no lugar da cita.