O corpo de Diego Bello chega a Madrid e a súa familia "busca xustiza" 

A autopsia para esclarecer as circunstancias da súa morte realizarase no Anatómico Forense da capital española
Diego Bello. EP
photo_camera Diego Bello. EP

O corpo de Diego Bello, o mozo coruñés que morreu nunha operación policial en Filipinas, chegou este sábado a Madrid, vía Dubai. Así o confirmou un dos seus familiares preto das 13.30 horas desta tarde, cando tamén destacou que "agora empeza a segunda parte, a procura de xustiza" para o falecido.

Inicialmente, estaba previsto que o cadáver chegase á capital española o domingo, aínda que dende a familia xa se apuntou que se estaba tratando de adiantar a chegada ao sábado, unha vez que a embaixada española formalizou todos os trámites ante as autoridades filipinas.

Agora en Madrid faráselle unha autopsia no Anatómico Forense, segundo indicaron desde a familia a Europa Press. Será a segunda realizada ao corpo trala encargada pola Comisión de Dereitos Humanos de Filipinas.

En concreto, a familia confirmou que, tras ter constancia da morte de Diego Bello, presentou unha denuncia nun xulgado da Coruña que, á súa vez, remitiuna á Audiencia Nacional por ser o competente neste caso. Tamén indicaron que a nova autopsia foi "ordenada" agora por unha xuíza deste tribunal.

FEITOS

A morte de Diego Bello produciuse o 8 de xaneiro unha operación no seu domicilio na localidade de General Luna, en Siargao. A Policía, que o consideraba sospeitoso de tráfico de cocaína, matouno nun tiroteo rexistrado no sur do arquipélago filipino, segundo informou o diario dixital local Minda News.

Con todo, após coñecerse a noticia, desde a súa contorna, tanto a súa familia como amigos, defenderon que "en ningún dos países nos que residiu" –en Filipinas tiña varios negocios– estivo involucrado "en incidente algún".

"Moito menos co tráfico de estupefacientes ou tenencia de armas, dos cales se lle acusou inicialmente, e mostra diso é a súa falta de antecedentes", precisaron nun comunicado remitido pola familia, que insistiu en que loitará "até o final" para que se esclareza o sucedido.

Comentarios