A Coruña pide ao Goberno e á Xunta investigar a venda de Alu Ibérica

O grupo Parter Capital vendeu a planta ao grupo Risco ► Tamén insta o Executivo a buscar unha "solución definitiva" para a industria electrointensiva
Factoria de Alcoa en A Coruña. CABALAR
photo_camera Factoria de Alcoa en A Coruña. CABALAR

O Concello da Coruña aprobou este xoves por unanimidade unha moción o BNG para demandar ao Goberno central e á Xunta unha investigación sobre a venda da planta de fabricación de aluminio de Alu Ibérica, antigamente propiedade de Alcoa, por parte de Parter Capital ao grupo Risco.

O texto, apoiado por representantes de todos os grupos, pide ás administracións autonómica e estatal que non se avale "ningunha operación que non asegure a continuidade da actividade industrial e o mantemento do emprego" na planta de Alu Ibérica na Coruña, que ten 328 empregados.

Así mesmo, o Concello solicita ao Goberno central e á Xunta estudar as alternativas necesarias para "asegurar a pervivencia dun sector industrial estratéxico", incluída a súa "incorporación ao sector público".

Mediante moción, ademais, ínstase o Executivo estatal a articular "unha solución definitiva para a industria electrointensiva" mediante o establecemento dunha tarifa eléctrica estable e economicamente asumible que permita a competitividade industrial.

O portavoz local do BNG, Francisco Jorquera, cuestionou que a venda da empresa a Risco interveña "tan só oito meses logo da adquisición por Parter", o que "evidencia que este fondo suízo o único que pretendía era especular con este activo".

Jorquera engadiu na súa exposición de motivos que os traballadores da planta "denuncian que en ningún momento foron informados".

Por outra banda, o concello coruñés aprobou inicialmente unha nova regulación das escolas infantís municipais, cun investimento de 279.000 euros, para implantar o próximo curso a gratuidade da educación para nenos de 0 a 3 anos.

A iniciativa foi aprobada co voto a favor dos representantes de PSOE, Marea Atlántica e BNG, mentres que os de PP e Ciudadanos abstivéronse.

No novo regulamento incorpóranse obxectivos como "o fomento da igualdade, o uso do galego como lingua vehicular, a sustentabilidade ambiental e a alimentación saudable", detallou o portavoz do Goberno local, José Manuel Lage.

Outro dos asuntos que recibiu o apoio de todas as forzas políticas, excepto de Marea Atlántica, que optou pola abstención, foi a aprobación inicial dun suplemento de crédito, por importe de 11,6 millóns de euros, para afrontar unha sentenza firme sobre indemnizacións ás expropiacións do conxunto monumental do Castro de Elviña.

O Concello tamén votou a favor da adhesión á asociación de municipios do Camiño Inglés, constituída en 2019 e da que xa forman parte 14 dos 18 concellos polos que transcorre esta ruta xacobea.

Ademais, o pleno, cos votos a favor do PSOE, PP e Ciudadanos, aprobou o cambio de uso dunha parcela que o Goberno galego posúe en Castiñeiro de Eirís, onde previu construír unha residencia para maiores.O edil de Infraestruturas, Juan Díaz Villoslada, indicou a intención de pedir á Xunta que acelere o proceso para a súa construción.