Un equipo do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela creou unhas nanopartículas capaces de penetrar un tumor cerebral e transportar fármacos xenéticos ao interior das súas células malignas.
A técnica, desenvolvida polo grupo dirixido polos investigador Marcos García Fuentes en colaboración co Instituto de Saúde Carlos III e a Universidade de Nottigham, "está chamada a mellorar a situación dos enfermos do tumor cerebral máis común e letal", cuxa taxa de supervivencia aos cinco anos "é menor do 5%".
Tal como destacou a Universidade de Santiago, o tratamento actual para este tumor baséase na cirurxía de extirpación, e logra unha supervivencia media de pouco "máis de 14 meses".
A utilización de medicamentos capaces de silenciar xenes causantes de tumores ten "un enorme potencial" para o desenvolvemento de terapias "específicas, personalizadas e efectivas" no tratamento do cancro.
Con todo, a utilización de fármacos xenéticos "non ten aínda unha ampla aplicación", xa que "menos dunha de cada cen destas secuencias terapéuticas consegue chegar ao interior da célula para realizar a súa acción".
Os científicos da Universidade de Santiago ensaiaron en ratos o uso de novos nanomateriais como vehículos capaces de mellorar o transporte de medicamentos xenéticos contra o cancro.
"O segredo deste material é unha estrutura que se volve insoluble nos arredores acedos das vesículas dixestivas, inducindo a súa desestabilización e permitindo ao medicamento xenético escapar ao interior celular", sinalou Marcos García.
O obxectivo deste novo tratamento é que se realice como complemento á cirurxía de extirpación e ao mesmo tempo que a quimioterapia, para conseguir que as células tumorais non se reproduzan.
"A idea é implantala directamente no cerebro, por exemplo, aproveitando a extirpación, porque a vía intravenosa é moi complicada e ten menos probabilidades de éxito", asegurou García.
O investigador engadiu que, aínda que ata que non se realicen ensaios clínicos non se saberá con seguridade, os resultados preliminares indican que o efecto da terapia xenética vai estar limitado a unha ou dúas semanas, o que implicaría que o paciente debería realizar ciclos do tratamento da mesma xeito que se fai coa quimioterapia.