O cribado de traballadores en Avigal realizouse máis de 20 días despois do primeiro caso

O Sergas tivo coñecemento do primeiro positivo o día 27 de agosto e non foi ata o día 19 de setembro cando se fixeron as probas entre os 182 empregados
Instalaciones de Avigal en Cambados. GONZALO GARCÍA
photo_camera Instalaciones de Avigal en Cambados. GONZALO GARCÍA

As autoridades sanitarias galegas levaron a cabo o cribado entre os traballadores da empresa avícola Avigal –situada en Cambados– para descubrir o grao de afectación por coronavirus máis de 20 días logo de ter coñecemento do primeiro caso positivo no persoal. 

Así o admitiu este xoves a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, durante unha comparecencia na Comisión de Sanidade do Parlamento para responder a unha pregunta da deputada nacionalista Montse Prado sobre a xestión deste brote, que chegou a ter máis de 100 casos activos relacionados. 

En concreto, dixo Mancha, o Sergas tivo coñecemento do primeiro positivo nun traballador o día 27 de agosto e, posteriormente, o catro e cinco de setembro, detectáronse outros tres. 

No entanto, non foi ata o día 19 de setembro cando se fixo un cribado entre os 182 empregados da empresa, unhas probas que permitiron detectar máis de 50 positivos "asintomáticos" entre traballadores e os seus contactos. 

O brote orixinado na planta que a avícola Avigal ten en Cambados, rexistrado durante o mes de setembro, foi un dos máis grandes de Galicia e chegou a superar o centenar de casos asociados en varios municipios do Salnés.

CONTROLES NA EMPRESA. En relación a esta empresa, Elena Mancha remontouse ao 19 de maio, cando se realizou unha inspección para controlar a existencia dun protocolo covid, que funcionaba con data 23 de marzo, dixo. 

Posteriormente, realizouse outra visita o 22 de xuño e o 17 de setembro, cando a sala de despezamento levaba un mes funcionando. Foi nesta última visita, días antes do cribado masivo pero logo de identificar os primeiros casos, cando os inspectores detectaron que, aínda que se cumpría "maioritariamente" co protocolo, existían algunhas "deficiencias" no ámbito de vestiarios, no comedor e na reincorporación de traballadores. 

O 23 de setembro, a empresa achegou á Xunta unha "serie de protocolos de limpeza" en relación ao brote e pechou de forma preventiva o día 25 para realizar unha desinfección. O día 28, tras avaliarse que se levou a cabo, levantouse o peche preventivo. 

Por outra banda, segundo contou Elena Mancha, durante a pandemia, a inspección de traballo realizou 722 inspeccións vinculadas co cumprimento de medidas covid en Galicia, 370 na Coruña, 213 en Pontevedra, 79 en Lugo e 60 en Ourense. Pola súa banda, Saúde Pública realizou 796 actuacións de inspección no sector cárnico, 362 en entidades con sala de corte, como é o caso de Avigal. 

Comentarios