miércoles. 15.07.2020 |
El tiempo
miércoles. 15.07.2020
El tiempo

A CRTVG propón un debate a seis o vindeiro 23 de marzo

O último debate electoral da CRTVG, celebrado en 2016
O último debate electoral da CRTVG, celebrado en 2016
A compañía pública convida a PP, PSOE, BNG, Galicia en Común, Ciudadanos e Vox

A Corporación de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) propón un debate electoral, con motivo das eleccións autonómicas do 5 de abril, con seis formacións política e convida a PP, PSOE, BNG, Galicia en Común-Anova Mareas, Ciudadanos e Vox, co fin de que "poidan confrontar nos medios públicos as súas posicións sobre temas de máximo interese para a cidadanía". 

Cando xusto falta un mes para a cita coas urnas, o ente público formalizou as invitacións para un debate o próximo 23 de marzo (o primeiro luns de campaña electoral), seguindo os parámetros da Lei Orgánica de Réxime electoral Xeneral e as "instrucións" da xunta electoral, segundo sinala nun comunicado. 

Desta forma, propuxo este debate nos medios públicos galegos ás formacións con representación parlamentaria no Pazo do Hórreo, o que se considera os partidos 'representativos'. É dicir, PP, PSOE e BNG. 

Tamén inclúe, pero en consideración de 'significativas', a Galicia en Común-Anova Mareas, que como tal non tivo na lexislatura que termina representación parlamentaria (A pata da coalición Galicia Común –que suma Podemos e Esquerda Unida– si conta con dous deputados no Congreso). 

Aínda que é herdeira do espazo político de En Marea, xa que os principais impulsores en 2016 dese partido político –que non se presenta ás eleccións agora– uníronse agora na mencionada coalición, Galicia en Común-Anova Mareas entra na categoría de forzas 'significativas'. 

É o mesmo caso para Ciudadanos e Vox, aos que se convidou seguindo estes mesmos parámetros da Lorex e instrucións da xunta electoral, coa diferenza de que estas dúas formacións non teñen representación nin no Parlamento de Galicia nin conta con deputados por algunha das circunscricións galegas no Congreso.

O presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijóo, foi o primeiro en confirmar a asistencia ao debate. 

TEMÁTICAS. Se se confirma a celebración do debate, os líderes políticos debaterán sobre a situación económica xeral, a evolución do emprego nos sectores máis relevantes da comunidade e as políticas de benestar, xunto coas súas propostas de goberno e modelo institucional no contexto actual. 

O debate proposto é para horario de máxima audiencia, a partir das 21.30 horas, e poderase seguir a través da Televisión de Galicia, a Radio Galega e os medios dixitais da corporación. 

A CRTVG ten reservado un amplo dispositivo de recursos humanos e técnicos para garantir a calidade e pluralidade que require un debate de máximo nivel, explica o ente público nun comunicado de prensa. 

O último debate organizado pola CRTVG no contexto das eleccións autonómicas de 2016 chegou a ser contactado por case medio millón de espectadores. O debate será accesible en lingua de signos, ademais de facilitarse sinal do evento a todos os medios interesados na súa difusión.

DOUS POSIBLES DEBATES. A Corporación de Radio Televisión Española (RTVE) tamén convidou ás principais forzas políticas a un posible debate no ente público estatal, con desconexión territorial e emisión pola canle 24 horas. 

Fontes do ente público confirmaron a Europa Press que se están preparando para este debate, que falta por concretar que se celebre se aceptan os candidatos. 

A CRTVG propón un debate a seis o vindeiro 23 de marzo
Comentarios