Cruzamento de versións no xuízo contra o millonario luso acusado de intentar matar a súa muller

'O señor do aceiro' alega que foi a modelo a que o atacou a el cando ambos compartían habitación nun hotel de Vigo

O empresario portugués Carlos I.P. durante o xuízo que se segue contra el na Audiencia de Pontevedra. SALVADOR SAS (EFE)
photo_camera O empresario portugués Carlos I.P. durante o xuízo que se segue contra el na Audiencia de Pontevedra. SALVADOR SAS (EFE)

Cruzamento de versións no mediático xuízo iniciado este xoves na Audiencia de Pontevedra contra o empresario Carlos Inácio Pinto, acusado de intentar asasinar a súa esposa, a modelo romanesa Eliza G.P. O veterano enxeñeiro civil, de 59 anos, sostén que foi a súa parella, de 29 e á que coñeceu por Internet nunha páxina de contactos, a que o atacou cunha maza de canteiro mentres ambos estaban no baño.

Aínda que puido esquivar o golpe "porque a vin polo espello", ambos forcexaron e nesa loita foi cando, dixo, ela se golpeou varias veces na cabeza, primeiro contra a bañeira e despois contra o marco da porta, o que lle produciu ata cinco feridas no cranio.

A versión da muller foi diametralmente oposta. Tal e como reflicte o fiscal no seu escrito, mantivo que esa mañá do 2 de maio de 1016 ambos se atopaban nun céntrico hotel de Vigo (onde acudiran en viaxe de negocios) e que mentres se estaba dando crema, el golpeouna fortemente coa maza na base do cranio. O ataque continuou e ambos rodaron espidos polo chan, onde o empresario a intentou estrangular e continuou golpeando a cabeza contra o chan.

Como puido, conseguiu saír ao corredor, onde pediu axuda ao persoal do hotel. Aos poucos minutos, acudiuse unha ambulancia e a Policía, que arrestou a Carlos Inácio, despois de que este sufrise unha leve insuficiencia cardíaca.

Durante o interrogatorio a ambos os implicados na disputa, transcendeu a crítica situación económica en que se atoparía o outrora 'Señor do aço' (sobrenome co que era coñecido en Portugal polo seu contrato de exclusividade cunha importante firma española do sector do aceiro). Tamén saíron á luz seguros de vida que asinaría a modelo, aínda que en sala negou que esa fose a súa firma.

O xuízo, que foi seguido por varios medios de comunicación portugueses, continuará o próximo día 28 debido á incomparecencia dunha testemuña que a defensa considera fundamental para soster a súa hipótese.

Comentarios