Declaran culpable de asasinato ao acusado do crime de Chapela

O xurado considera que é autor de dous delitos de asasinato, un deles en grao de tentativa por disparar a un mozo ao que non chegou a alcanzar

O acusado de matar dun disparo a un mozo na noite de San Xoán de 2017 en Chapela, este luns durante o xuízo. SALVADOR SAS (EFE)
photo_camera O acusado de matar dun disparo a un mozo na noite de San Xoán de 2017 en Chapela, este luns durante o xuízo. SALVADOR SAS (EFE)

Un xurado popular declarou por unanimidade culpable de dous delitos de asasinato, un deles en grao de tentativa por disparar a un mozo ao que non chegou a alcanzar, ao acusado de matar dun disparo a un mozo de 25 anos na noite de San Juan de 2017 na praia de Arealonga, en Chapela (Redondela). 

Así mesmo, o xurado declarou culpable a José Luis L.P., con sete votos a favor e dous en contra, dun delito de tentativa de homicidio aos axentes que o reduciron; mentres que por unanimidade declarárono tamén culpable de tenencia ilícita de armas. 

O veredicto dado a coñecer este xoves na sección V da Audiencia de Pontevedra considera acreditado que o acusado disparou súbitamente e de socato á vítima mortal, Daniel B.P., que non tivo a oportunidade de defenderse. 

Igualmente, o xurado estima acreditado que disparou a dar por detrás a un mozo que fora a reprochar a súa agresión á vítima mortal.

Tamén por unanimidade, o xurado descartou que o acusado estivese diagnosticado dalgunha anomalía psíquica que lle anulase as súas capacidades e lle impedise discernir entre o ben e o mal, así como rexeitou que o acusado actuase baixo os síntomas do alcol, as drogas e a síndrome de abstinencia.

Onde houbo discrepancia no xurado, con sete votos a favor e dous en contra, é en que o acusado fixese caso omiso ás ordes dos policías para que se detivese e mostrase as mans cando intentaba fuxir do escenario do crime. 

En base a este veredicto, o fiscal ratificou a súa petición inicial de pena, que se eleva aos 42 anos de cárcere; 20 polo delito de asasinato consumado, 10 pola tentativa de asasinato, outros tantos pola tentativa de homicidio e 2 por tenencia ilícita de armas. 

A acusación particular, exercida pola familia da vítima, pide 25 anos polo delito de asasinato e dous polo de tenencia ilícita de armas. 

En cambio, a defensa pide que se lle aplique a pena mínima contemplada no Código Penal por cada un dos delitos polos que foi condenado. 

A avogada de José Luís L.P. expresou o seu rexeitamento á indemnización solicitada pola acusación particular, 125.000 para cada un dos proxenitores e 38.000 para cada un dos seus dous irmáns. 

Comentarios