A Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña decretou este mércores a nulidade por un defecto procedimental das escoitas das que deriva a operación Trucarro, que investigou a manipulación da quilometraxe de vehículos de segunda man que posteriormente eran postos á venda.
Esta decisión provocou a "sorpresa" da acusación particular, que representa a un dos afectados, e levou a que o fiscal pedise a suspensión até o vindeiro venres do xuízo que se celebra en Santiago cunha quincena de acusados, xa que considera "delicada" esta medida.
O avogado Evaristo Nogueira, letrado do principal acusado, dixo que confía en que esta decisión da Sala supoña o fin do caso. O venres retomarase o xuízo para abordar se o resto de probas, como entradas e rexistros, tamén son nulos, tal e como sosteñen as defensas.