Denuncian o goberno de Crespo en Lalín por suposta prevaricación cometida en 2004

APAC denuncia ata 38 contratos "irregulares ► O actual senador popular asegura que está "absolutamente tranquilo"

José Crespo. DP
photo_camera José Crespo. DP

A Plataforma Aberta Cidadá de Lalín (APAC) presentou unha denuncia ante o xulgado de Instrución número 2 contra o goberno municipal de Lalín no ano 2004, cando era alcalde o actual senador do PP José Crespo, por suposta prevaricación. 

Segundo apuntou a plataforma e recolle a denuncia, que foi presentada nos xulgados o pasado 18 de maio, durante o goberno de José Crespo, durante o ano 2004, houbo ata 38 contratos realizados de forma "irregular", nun "claro caso de enchufismo". 

Para avalar esta denuncia, a plataforma incorpora á querela un informe elaborado polo técnico de persoal do concello en outubro de 2017, así como unha acta da Xunta de Goberno Local de novembro de 2012, na que, "por un informe do secretario do concello de Lalín transmítense estas irregularidades e recoméndase ao concello que se dote das medidas necesarias para a provisión regular destes postos". 

A plataforma asegurou que estes feitos non lles collen "de sorpresa", xa que, entre 2004 e 2006, o grupo municipal do PSOE de Lalín presentou "varias denuncias sobre as oposicións convocadas para cubrir" varios postos no concello, nas que "non se cumprían os criterios de transparencia". 

Posteriormente, narran, en 2016, a Inspección de Traballo enviou un "requirimento" ao concello no que daba un prazo de tres meses para "converter en persoal indefinido 38 contratos temporais" que era necesario "regularizar". 

A plataforma considera que esta suposta "práctica" do goberno de José Crespo estaba "ligada unicamente a afinidades de tipo político ou persoal" e mencionaron "contratos por obra e servizo ou eventuais" para cubrir postos "estruturais" que se prolongaron "durante máis de 10 anos". 

Por estas "situacións irregulares e ilegais", APAC presentou unha denuncia por posible prevaricación contra o entón alcalde e actual senador José Crespo, na que tamén figuran a xunta de goberno, da que formaba parte o actual conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. 

Crespo: "Absolutamente tranquilo"
Crespo expresou este luns a súa "absoluta tranquilidade" con respecto á denuncia presentada por APAC, que considera "ruído mediático e balas con pólvora mollada" para intentar "desgastar a súa reputación e imaxe política". 

Así, segundo recolle un comunicado emitido polo PP, Crespo púxose "a disposición de calquera órgano xudicial para aclarar todos os aspectos" referentes a unha denuncia da que, indicou, "descoñece o contido" e que considera "extemporánea". 

Crespo cre que "esta denuncia é o vivo reflexo do que está a acontecer en Lalín", onde "un cuadripartito no que cada un vai ao seu está máis preocupado en remover o pasado que en resolver os problemas dos lalinenses, que son moitos". 

Da súa etapa como alcalde, José Crespo destacou que a xestión en materia de persoal foi "impecable" e que "a diferenza de agora, había normalidade nas relacións laborais e non había nin a primeira denuncia por acoso, como pola que detiveron ao primeiro tenente de alcalde do PSOE, nin sospeitas sobre pagos ilegais a un avogado próximo a Rafael Cuiña por tarefas non realizadas na elaboración da nova Relación de Postos de Traballo". 

Comentarios