Denuncian varios episodios de acoso sexual na Escola de Arte Dramático de Galicia

Profesoras e alumnos piden que os docentes implicados sexan apartados
Protesta na Escola Superior de Arte Dramático de Galicia. EFE
photo_camera Protesta na Escola Superior de Arte Dramático de Galicia. EFE

Alumnos e profesoras da Escola Superior de Arte Dramático (ESAD) de Galicia denunciaron este venres episodios de acoso sexual e de abuso de poder de docentes a varias alumnas do centro, algúns deles sucedidos en cursos anteriores e outros no actual.

Profesoras e alumnos esixen que os docentes en cuestión sexan apartados, aínda que sexa temporalmente mentres se clarifica o sucedido, e xa puxeron esta situación en coñecemento da Consellería de Educación.

Fontes da Xunta confirman que dúas inspectoras se entrevistaron co equipo directivo e co alumnado, co que se asumiu o compromiso de facer un seguimento do caso.

Precisamente este venres celebrouse unha nova reunión co alumnado e representantes da ESAD, na mesma xornada na que as profesoras do centro anunciaron que secundarán os paros convocados por aqueles ata que se aparte do exercicio docente aos implicados nos presuntos episodios de abuso e de acoso que foron denunciados.

As profesoras da ESAD leron un comunicado no que trasladan o seu "apoio total" ao alumnado ao obxecto de que o centro sera "un espazo libre de abuso de poder e de acoso sexual".

"A ESAD non é só un lugar laboral para nós, que como traballadoras temos o dereito a desenvolver a nosa actividade nun espazo sen violencias machistas; é tamén lugar de convivencia consagrado á formación de artistas e a educación en sentido amplo", reza o manifesto.

"Como creadoras e como persoas comprometidas para formar mellores persoas, libres, críticas e responsables, consideramos que estas prácticas execrables sucedidas durante o exercicio docente son especialmente vergoñosas", denuncia tamén o texto lido por unha profesora.

E engade: "O dereito á educación non só implica o acceso ao saber, senón tamén a aprendizaxe nos valores de liberdade, igualdade e respecto polo dereito das mulleres en calquera espazo da nosa sociedade".

Unha portavoz das profesoras da ESAD sinalou en declaracións aos medios que non teñen un "coñecemento profundo dos feitos", pero que saben que "hai casos confirmados con declaracións de alumnas ante a inspección" educativa.

Preguntada por cantos profesores e cantas alumnas estarían involucradas nos feitos denunciados, recoñeceu que descoñecen este extremo, máis aló de que son "varias" as presuntas vítimas de comportamentos, " que exceden a comentarios. Falamos de violencia exercida sobre as mulleres que estudan aquí", dixo a portavoz.

Tamén recalcou que non se trata dun "episodio puntual" senón de feitos reiterados no tempo.

Unha portavoz dos alumnos da ESAD asegurou que seguirán cos paros ata que Educación "tome cartas no asunto" e que os profesores implicados "non sigan na docencia". 

Comentarios