Denuncian a un castroverdés por deixar agonizar un can nunha cuneta

Este home é o propietario dunha leira na que unha decena máis de cans sobreviven nunhas pésimas condicións

O can falecido, con claros síntomas de desnutrición. AEP
photo_camera O can falecido, con claros síntomas de desnutrición. AEP

Dúas veciñas de Lugo denunciaron ao propietario dun can por deixalo agonizar ata a morte na cuneta dunha estrada que transcorre polo núcleo de Serés, no concello de Castroverde. As mulleres foron alertadas por unha amiga que na tarde do día de Nadal se dirixía ao seu domicilio en Lugo e que viu como nese punto había un can tirado na cuneta.

A falta de luz e o solitario do lugar fixo que esta condutora non se atrevese a saír do vehículo, polo que optou por indicar ás súas amigas o punto e o estado no que se atopaba o can.

Ao chegar ao lugar, estas dúas mulleres -ambas moi activas en redes sociais pola súa defensa dos animais- lograron localizar, non sen certas dificultades, ao can aínda vivo pero en lamentables condicións. Estaba tirado na cuneta, presentaba graves signos de desnutrición, tiritaba de frío e incluso lle faltaba parte dunha pata.

Ao velo nese estado deron aviso ao Concello, que á súa vez alertou á Protectora de Animais e Plantas de Lugo, coa que teñen asinado un convenio para estes casos. Mentres chegaba persoal especializado, as mulleres intentaron dar para comer e beber ao can, ao que ademais taparon cunha manta. Pero a pesar dos esforzos, o animal acabou falecendo.

Aínda que intentaron darlle de beber, para comer e protexelo do frío, o animal acabou falecendo por mor do seu mal estado

Indignadas por este feito, observaron como nunha leira próxima había un mínimo de dez cans máis en lamentables condicións, polo que optaron por pór unha denuncia contra o propietario desa leira por abandono e malos tratos animais.

Ademais, segundo puideron saber polo propio persoal desprazado pola protectora de Lugo, non era a primeira vez que acudían a ese lugar a retirar animais que viven nesa leira amontoados e en estado de semiabandono.

As dúas mulleres esperan que tanto Medio Rural como a Garda Civil, os dous organismos nos que presentaron as súas denuncias, actúen de inmediato para quitar os animais ao seu propietario. Ademais, mostraron a súa preocupación polo feito de que este home sexa "un vello coñecido" das autoridades por protagonizar outros episodios deste tipo e que aínda non se tomase ningún tipo de medidas contra el para evitar que poida seguir tendo animais".

O feito foi este mércores moi comentado en redes sociais, onde as dúas mulleres relataron a súa triste experiencia.