Baixa a presión asistencial, con 55 hospitalizados menos, e descenden os casos activos

Aumenta a taxa de positividade a un 9% e soben lixeiramente os contaxios diarios a 1.183 en Galicia
Una trabajadora sanitaria atiende a un paciente con coronavirus en una planta de hospitalización del Complejo Universitario de Ourense. BRAIS LORENZO (EFE)
photo_camera Una trabajadora sanitaria atiende a un paciente con coronavirus en una planta de hospitalización del Complejo Universitario de Ourense. BRAIS LORENZO (EFE)

A presión asistencial volve aliviarse tras descender de novo os hospitalizados con Covid-19 en Galicia, con 55 pacientes ingresados menos, aínda que sen cambios nos que se atopan en Uci, que se manteñen en 247. Mentres, os casos activos tamén volven reducirse lixeiramente en 41 e sitúanse en 22.399. 

Así se reflicte nos datos publicados na mañá deste xoves pola Consellería de Sanidade, con rexistros ata as 18,00 horas deste mércores, recollidos por Europa Press, dos que se extrae que hai 247 pacientes con Covid en Uci en Galicia e 1.070 noutras unidades de hospitalización –55 menos que a xornada anterior–. 

Por áreas sanitarias, as da Coruña e Ourense experimentaron unha maior caída dos hospitalizados. Así, a primeira ten 87 pacientes con coronavirus en Uci –dous máis– e 282 noutras unidades –24 menos–; mentres que a ourensá conta con 15 en críticos –un máis– e 156 noutras unidades –20 menos–. 

A elas súmase a de Vigo, na que, aínda que aumentan nun os ingresados con Covid en Uci ata os 25, descenden en 12 ata os 153 as persoas hospitalizadas con esta patoloxía noutras unidades. Pola súa banda, a de Pontevedra e O Salnés pasa a ter 27 en críticos –dous menos– e 113 noutras unidades –catro menos–. 

No distrito de Lugo, polo seu lado, soben nun os hospitalizados con Covid en Uci ata os 26, pero caen a 65 –cinco menos– os que se atopan noutras unidades; mentres que na de Santiago e Barbanza descenden nun os que están en críticos ata os 42 e increméntanse a 128 –tres máis– os ingresados noutras unidades. E no caso da área de Ferrol, as persoas en Uci baixan a 25 –dúas menos–, pero soben a 173 as que están noutras unidades –sete máis–.

CASOS E CONTAXIOS. O alivio da presión asistencial vai acompañado dun lixeiro descenso dos casos activos de Covid en Galicia, que se sitúan en 22.399, o que supón 41 menos que este mércores. 

Por áreas sanitarias, os casos activos descenden nas de Ourense a 2.730 –o que supón 85 menos–; na da Coruña e Cee a 5.845 –son 44 menos– e na de Vigo a 3.830 –outros 37 menos–. Por contra, aumentan nas de Santiago e Barbanza a 3.418 –suma 52–; na de Pontevedra e O Salnés a 2.613 –engade 35–; na de Ferrol a 1.858 –supón 26 máis– e na de Lugo a 2.105 –unha ducia máis–. 

Os contaxios diarios –detectados con diferentes tipos de probas– aumentan lixeiramente a 1.183 na comunidade galega, tras o repunte rexistrado a xornada anterior, deles 1.091 positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas. Galicia realizou ata o momento 1.460.951 PCR, o que supón 12.999 máis que o mércores. 

Os contaxiados en Galicia aumentan a 101.399, dos que 23.341 corresponden á área da Coruña e Cee; 19.363 á de Vigo; 16.563 á de Santiago e Barbanza; 13.655 á de Ourense; 10.860 á de Pontevedra e O Salnés; 10.599 á de Lugo e 7.018 á de Ferrol.

FALECIDOS E POSITIVIDADE. En canto á taxa de positividade –porcentaxe de infeccións por PCR realizadas– subiu ata un 9 por cento após situarse nun 7% a xornada anterior, polo que segue por encima do 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia e do que Galicia non baixa desde o 24 de decembro. 

Pola súa banda, ata a data faleceron na comunidade galega 1.880 persoas con Covi-19, tras informar a Consellería de Sanidade de 37 falecementos nas últimas horas –que corresponden a varios días–. Trátase da segunda maior cifra comunicada desde o inicio da pandemia. 

O pasado luns a Xunta informou de 40 defuncións, dato máis elevado até a data. Estas 37 vítimas superan as 36 comunicadas o pasado 1 de abril, na primeira onda. Das 37, seis están vinculadas con residencias e unha delas morreu no seu domicilio. Todos estes falecidos presentaban patoloxías previas. 

Galicia rexistra 77.135 persoas curadas até a data, o que implica 1.188 máis que as contabilizadas até a xornada anterior.

Comentarios