Deteñen en Ponteareas un camioneiro drogado e co tacógrafo manipulado

O vehículo, de 40 toneladas, circulaba con destino a Vigo procedente de Alxeciras

Camión detido no arcén da A-52, en Ponteareas. GUARDIA CIVIL
photo_camera Camión detido no arcén da A-52, en Ponteareas. GUARDIA CIVIL

A Garda Civil interceptou este mércores na autovía A-52, ao seu paso por Ponteareas, un camioneiro que deu positivo en cocaína e que circulaba co tacógrafo do seu vehículo manipulado, informaron fontes do instituto armado.

O camión, de 40 toneladas, circulaba con destino a Vigo procedente de Alxeciras.

Durante o recoñecemento do vehículo, os axentes detectaron unha serie de irregularidades ás normas administrativas que regulan este tipo de transportes: exceso de tempo continuado na conducción, falta de descanso diario e o tacógrafo dixital manipulado.

Ademais, o condutor deu positivo en cocaína no test de drogas ao que se someteu.

O vehículo permaneceu inmobilizado nas inmediacións do lugar onde foi interceptado e reanudou a viaxe tras efectuar o condutor o descanso regulamentario.