domingo. 22.09.2019 |
El tiempo
domingo. 22.09.2019
El tiempo

Detido en Poio por atracar cun coitelo unha repartidora de pan e un ciclista

O veciño de Poio detido polos atracos. DP
O veciño de Poio detido polos atracos. DP

O arrestado e os seus colegas ameazaron e golpearon o turista que se introduciu por erro no poboado do Vao coa súa bicicleta

A Garda Civil detivo un veciño de Poio como presunto autor de dous delitos de roubo con intimidación cometidos estes dous últimos meses por atracar unha repartidora de pan e un ciclista no Vao.  Segundo informou o Instituto Armado, as investigacións levadas a cabo por efectivos do Posto da Garda Civil de Pontevedra, os dous roubos cometeunos nas proximidades do seu domicilio no Vao. 

O primeiro deles tivo lugar o día 31 do pasado mes de marzo cando abordou á repartidora do pan e a intimidou cun coitelo para que lle entregase o diñeiro. Ante a negativa desta persoa, suxeitouna cun brazo, e coa outra man cortoulle cun coitelo a correa do bolso que levaba colgado e arrebatoullo con toda a recadación, relataron as mesmas fontes. 

O segundo roubo que se lle atribúe tivo lugar o 29 de abril. Nesta ocasión, xunto con outros catro individuos "cuxa identidade se está pescudando", destacou a Benemérita, interceptaron un ciclista, un veciño de Zaragoza de visita en Pontevedra, que por equivocación entrou involuntariamente no poboado chabolista. 

"Entre todos tirárono ao chan ameazándoo con pegarlle un tiro", indican as mesmas fontes, se non lles entregaba as súas pertenzas. Logo de propinarlle varios golpes e patadas, espírono e arrebatáronlle o diñeiro que levaba.

A PRISIÓN. O presunto autor destes dous roubos foi detido o pasado mércores 29 de abril. Trátase dun veciño do mesmo poboado de 35 anos, que saíu hai pouco tempo de prisión logo de cumprir condena por varios delitos de roubo e un homicidio doloso en grao de tentativa. 

O pasado xoves, día 30 de abril, foi posto a disposición do xulgado de Instrución de garda de Pontevedra, que ordenou o seu ingreso preventivo no Centro Penal da Lama. 

Detido en Poio por atracar cun coitelo unha repartidora de pan e un...
Comentarios