Detida unha parella en Vigo tras unha brutal pelexa que terminou cunha operación de urxencia

Cando os axentes chegaron ao domicilio de ambos atoparon a seis nenos ao seu cargo que pasaran a noite sos 
Policía Local de Vigo. DP
photo_camera Policía Local de Vigo. DP

Unha parella foi detida en Vigo este domingo tras agredirse mutuamente no trascurso dunha pelexa que acabou co home operado de urxencia no hospital e coa muller nun centro de saúde.

Os feitos comezaron ao redor das 6.00 horas á saída dunha discoteca, cando ambos estaban ebrios. No medio dunha discusión, o home propinoulle unha labazada á súa parella. A pelexa continuou e agravouse no domicilio de ambos, cando a muller colleu un coitelo e asestoulle varios cortes no brazo e na coxa. Seguidamente o home refuxiouse no cuarto de baño e chamou á Policía Local, que se presentou aos poucos minutos na vivenda. 

Unha vez alí, os axentes descubriron que no domicilio había seis nenos que pasaran a noite sos. Tratábase dun fillo de ambos, outra da muller e catro sobriños, que quedaron a cargo dunha avoa.

O home tivo que ser operado de urxencia, mentres que a muller foi atendida nun centro sanitario dos hematomas e arañazos que presentaba. Posteriormente, el foi arrestado por un delito de violencia de xénero e ela, por malos tratos no ámbito familiar.