Detido o dono dun pub de Ourense que escondía droga no futbolín

Fóronlle incautadas diferentes cantidades de cocaína, haxix, éxtase e MDMA
Un futbolín. ARQUIVO
photo_camera Un futbolín. ARQUIVO

Axentes da Policía Nacional de Ourense detiveron ao dono dun local de lecer desta cidade por un delito contra a saúde pública tras serlle interceptadas diferentes cantidades de cocaína, haxix e outras sustancias estupefacientes escondidas no futbolín do establecemento. 

Segundo informou a Policía Nacional, o 27 de decembro ás 10,00 horas foi detido este home como presunto autor dun delito contra a saúde pública nun local de lecer da súa propiedade. 

Os feitos comezaron ás 9.20 horas cando axentes da Unidade de Prevención e Reacción (UPR) da Brigada Provincial de Seguridade Cidadá realizaron unha inspección no marco do Plan de Prevención do consumo e menudeo de sustancias estupefacientes no interior dun pub da zona centro da cidade. 

Alí, relataron as mesmas fontes policiais, atoparon no interior do futbolín unha bolsa de plástico de cor branca con 10 envoltorios plásticos con sustancia branca (cocaína); dúas bolsas de plástico, unha delas cunha sustancia prensada de cor marrón (haxix) e a outra bolsa con pastillas de éxtase e unha bolsa máis cun anaco do que pode ser MDMA (cristal). 

No marco da inspección a Policía localizou debaixo dun cinceiro fronte á barra "unha navalla simulada como cartón de crédito/plástico" e interveu 4.195 euros que se localizan en diversos lugares ocultos no local, fraccionados en billetes varios e tres caixas de viagra Sildenafil citratte tablets ioga-zen.

IDENTIFICACIÓNS. Por este motivo, os axentes procederon á detención do propietario do local como presunto autor dun delito contra a saúde pública e á detención dunha muller como presunta autora dun atentado contra a autoridade. 

Os axentes actuantes, tras identificar ás persoas no interior do local, procederon ao traslado a dependencias policiais de cinco cidadáns estranxeiros sen documentación para comprobar a súa situación administrativa en España. Tres deles quedaron a disposición da Brigada de Documentación e Estranxeiría para os trámites correspondentes. 

O dono do local detido foi identificado como un home de 52 anos de idade, natural de Ourense, ao que lle constan tres arrestos anteriores. Quedou en liberdade tras pasar a disposición xudicial.