Detido por extorsionar a unha muller á que ameazou cun ritual de santería

A vítima desembolsou 20.000 euros polo temor a que investisen as prácticas esotéricas contra ela

Un home de 48 anos residente na Coruña foi detido por extorsionar a unha veciña da comarca leonesa do Bierzo, da que logrou 20.000 euros tras ameazala con recorrer a rituais de santería contra os seus familiares. Segundo informou este mércores a Garda Civil, a muller denunciou que, tras reunirse cuns cidadáns de nacionalidade guineana para un acordo laboral, estes ofrecéronlle un ritual para multiplicar a súa fortuna.

Ao acudir con 20.000 euros, indicou que foi vítima dun engano baixo a ameaza de investir as prácticas esotéricas contra ela e aproveitaron para subtraerlle o diñeiro. Logo dunha serie de xestións para a procura e detención dos autores, un deles, de nacionalidade guineana, foi localizado na Coruña e, nun rexistro na súa vivenda, os axentes incautáronse de varios teléfonos e cartóns de prepago, un computador portátil, panfletos sobre santerismo e amarres de amor, unha túnica e efectos relacionados coa santería.

O detido e as dilixencias foron postos a disposición do Xulgado de instrución en funcións de garda da Coruña. 

Comentarios