Detido un mozo en Ribeira por tráfico de drogas

O arrestado contaba con varios antecedentes policiais

Axentes da Policía Nacional adscritos á Comisaría de Ribeira detiveron a un home de 32 anos, natural desta localidade, como presunto autor dun delito contra a saúde pública por tráfico de drogas

Segundo informou a Policía Nacional, por mor desta investigación, ademais, desmantelouse "un importante punto de venda de drogas" nun domicilio que o autor utilizaba como "narcopiso" para a distribución e venda de sustancias estupefacientes a traficantes a pequena escala e a consumidores. 

Tras a detención deste mozo practicouse unha entrada e rexistro no domicilio do individuo con autorización xudicial, no marco do que foron intervidos 310 gramos de cocaína; 200 gramos de heroína; 300 gramos de hachís, outros 30 gramos de MDMA e 17 gramos de crack. 

A iso súmase máis de 6.620 euros en efectivo intervidos, en billetes de diverso valor e moedas; un computador portátil; dous discos duros; dous cadernos bancarios; varios teléfonos móbiles; dúas balanzas de precisión e dous utensilios de cristal con medidor para o preparado de sustancias estupefacientes, sustancia de corte e outros elementos deseñados para a elaboración e distribución das sustancias. 

Tamén os axentes interceptaron un can de presa da raza pitbull, que se achaba no domicilio e que foi entregado ao Servizo Galego de Lacería. 

A investigación continúa aberta e a Policía non descarta máis detencións. Ao arrestado cónstanlle varios antecedentes policiais e foi posto a disposición da autoridade xudicial.

Comentarios