Detido un policía de Santiago sospeitoso de pedir 'mordidas' para outorgar licenzas

A investigación iniciouse a través dun expediente interno do concello impulsado polo alcalde, que foi remitido á xustiza 

Comisaría da Policía Local de Santiago. GOOGLE MAPS
photo_camera Comisaría da Policía Local de Santiago. GOOGLE MAPS

As forzas de seguridade detiveron este xoves un policía local de Santiago, pertencente ao grupo que se encarga da vixilancia urbanística, por mor dunha investigación aberta polo Concello compostelán por, supostamente, pedir 'mordidas' a cambio de informar favorablemente aos técnicos municipais nos trámites de concesión de licenzas urbanísticas. 

Segundo confirmaron a Europa Press fontes coñecedoras do caso, o axente, que permanecía apartado destas funcións desde o inicio da investigación interna, foi detido en Santiago na mañá deste xoves e, posteriormente, trasladado polos axentes a dependencias municipais para inspeccionar na súa presenza o seu computador de traballo. 

En total leváronse a cabo dous rexistros, explicaron a Europa Press fontes xudiciais, que indicaron que non se espera que o detido pase este xoves a disposición xudicial. O caso instrúeo o Xulgado de Instrución número 3 de Santiago, que investiga ao axente polos delitos de suborno, falsidade documental e contra a ordenación do territorio e do urbanismo.

DENUNCIA FAI UN ANO. O caso remóntase a mediados do pasado ano, cando unha funcionaria municipal acudiu ao alcalde, Martiño Noriega, para informarlle da existencia dunha "gravación" de son feita por un veciño ao que, supostamente, se lle pediran 1.000 euros para informar favorablemente dunha licenza urbanística. 

Ao coñecer o caso, o rexedor impulsou a apertura dun expediente reservado para instruír dilixencias internas en relación aos feitos. Tras observar indicios de delito na actuación deste axente, que levaba 16 anos traballando no departamento, os datos foron remitidos a Fiscalía, que o trasladou ao xulgado en agosto. Desde aquel momento, e ata a detención do investigado, a causa permaneceu declarada secreta á espera de informes. 

No entanto, o agora detido permanecía apartado destas funcións desde o momento en que se iniciou o expediente interno, en xuño do ano pasado, e bloquear tamén o acceso aos expedientes urbanísticos. 

Comentarios