Detido un veciño de Bilbao por ameazar a varias persoas cun coitelo en Arzúa

O home "non feriu a ninguén", pero "opuxo bastante resistencia na detención"

Axentes da Garda Civil detiveron un individuo veciño de Bilbao por ameazar cun coitelo de grandes dimensións a persoas para que lle desen diñeiro en Arzúa. 

Segundo informaron fontes do Instituto Armado, o home pasaba uns días en casa da súa nai na zona e foi detido ás 20.30 horas deste xoves tras ameazar cun coitelo duns 30 centímetros a persoas de varios establecementos para obter diñeiro, "pero só lle deu un". 

As mesmas fontes precisaron que o home "non feriu a ninguén" co coitelo, pero "opuxo bastante resistencia na detención". Ademais, cando o foron a sacar do coche tamén se resistiu e caeu ao chan e fíxose unha pequena brecha na cabeza", pero "está ben". 

No entanto, as mesmas fontes apuntaron que está pendente a avaliación da parte psíquica. De feito, o detido foi ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).