Detidos tres veciños da Cañiza por nove roubos con forza en vivendas, hoteis e un restaurante 

Ademais dos efectos que gardaban dous dos detidos nos seus domicilios, a Gardia Civil puido recuperar outro lote de obxectos que foran vendidos nun local de compra venda de artigos de segunda man 

Efectos recuperados pola Gardia Civil tras os roubos na Cañiza. GARDIA CIVIL
photo_camera Efectos recuperados pola Gardia Civil tras os roubos na Cañiza. GARDIA CIVIL

A Guardia Civil detivo a tres veciños do municipio da Cañiza en relación a seis roubos con forza en vivendas, dúas en hoteis e un nun restaurante do municipio. 

Segundo informou o Instituto Armado, por mor das pescudas sobre os roubos producidos durante os últimos meses, a Guardia Civil da Cañiza logrou interceptar un vehículo no que circulaban dous dos sospeitosos investigados. 

Ao comprobar a procedencia dos obxectos que levaban no maleteiro do turismo púidose pescudar que algúns foron subtraídos no interior dunha vivenda situada nunha urbanización onde se cometeron outros dous roubos. 

Con estas evidencias, os efectivos do Posto da Guardia Civil da Cañiza procederon á detención de tres veciños do municipio identificados como F.E.R., de 33 anos; M.A.P., de 31; e E.G.P., de 22, aos que se lles vincula con nove roubos con forza. Deles seis foron cometidos en vivendas e outro tres en dous hoteis e un restaurante da localidade. 

Ademais dos efectos que gardaban dous dos detidos nos seus domicilios, a Guardia Civil puido recuperar outro lote de obxectos que xa foran vendidos nun establecemento de compra venda de artigos de segunda man en Vigo.

PLANIFICACIÓN. A planificación dos roubos que viñan cometendo baixo o mesmo modus operandi e a repartición das tarefas ou funcións de cada un deles, deu lugar a que, ademais dos delitos de roubo, atribuíseselles tamén outro ilícito penal de organización criminal, na que "dúas deles eran os verdadeiros impulsores da actividade delituosa", destacan as mesmas fontes. O terceiro era o que ía recollelos ao lugar dos feitos e trasladalos a Vigo para vender os efectos, engaden. 

Os tres detidos foron postos este xoves a disposición do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número 1 de Ponteareas, que decretou prisión provisional, comunicada e sen fianza, para dúas deles. Pola súa banda, acordou liberdade provisional e sen fianza para o terceiro, coa obrigación de comparecer periodicamente no xulgado. 

Comentarios