Yolanda Díaz pide o voto a En Común para sacar de Galicia á dereita "cavernícola"

O acto encheu a Praza da Ferrería de Pontevedra
Acto de Galicia en Común, en Pontevedra. JAVIER CERVERA
photo_camera Acto de Galicia en Común, en Pontevedra. JAVIER CERVERA

A ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, pediu este sábado unha mobilización masiva nas urnas o próximo 12 de xullo para conseguir sacar da Xunta á dereita "cavernícola" e ao "máximo expoñente da arte a mentira" que representa Alberto Núñez Feijóo. 

Nun acto electoral na cidade de Pontevedra para expresar o seu apoio ao candidato á presidencia da Xunta de Galicia en Común"Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, a ministra pediu o voto para a candidatura de esquerdas co obxectivo posto en cambiar "as cousas a mellor" na comunidade porque "darlle o voto a esa dereita cavernícola é admitir que non imos ter futuro". 

Durante a súa participación no acto central desta xornada nunha Praza da Ferrería chea, Díaz pediu confianza no proxecto de Galicia en Común porque a pesar de que "a xente pensa que Feijóo é irredutible, iso non é certo, Feijóo é derrotable" e por iso é importante apurar os últimos días da campaña para convencer de que "si é posible" sacar ao PPdeG da Xunta. 

Conseguir un cambio no Executivo autonómico, remarcou Díaz, unicamente será posible a través de Gobernos de coalición porque "a cidadanía non quere gobernos únicos, a cidadanía non quere máis Feijóo, a xente quere entendemento, fórmulas como as que temos no Estado" que nos últimos meses puxeron sobre a mesa que "o importante é defender o público". 

Gómez-Reino insistiu na urxencia de conformar en Galicia un "Goberno que non sexa só progresista senón que sexa de esquerdas"

Desde o Goberno central, segundo a ministra de Traballo, comprobouse que Núñez Feijóo non cumpre con esa fama "de bo xestor" que algúns lle pretenden colgar porque a diferenza del, "un bo xestor non privatiza a escola pública, non esnaquiza o ensino no rural, non permite que a industria estea convertida nun auténtico deserto". 

Coa perspectiva dos últimos once anos, a única evidencia clara para a ministra galega é que "Feijóo é un mentireiro que o único que sabe facer é mentir" porque pola contra sería necesario que antes do doce de xullo respondese á pregunta de que "diaños estivo a facer Feijóo nestes últimos anos". 

Nesta liña, Gómez-Reino insistiu na urxencia de conformar en Galicia un "Goberno que non sexa só progresista senón que sexa de esquerdas e que faga políticas en defensa das maiorías sociais" como as que aplica Yolanda Díaz desde o seu ministerio. 

Tomar exemplo das "políticas valentes" de Yolanda Díaz debe ser unha prioridade para a próxima Xunta xa que é a única fórmula para impedir que siga habendo moitos galegos que "traballan pero que non poden chegar a fin de mes". 

Para garantir uns servizos públicos robustos, a presenza de Galicia en Común no Goberno será imprescindible, esgrimiu

En clave local, o candidato a presidencia da Xunta, Gómez-Reino tamén considerou que será preciso un Goberno "valente" que se implique de verdade en sanear as rías ante a urxencia que presentan algunhas como é o caso da de Pontevedra "abandonada desde hai anos". 

Galicia en Común, recordou, ten un plan para garantir a calidade das augas da ría pero desde unha perspectiva que ofreza tamén unha saída produtiva que "garanta os postos de traballo que hai en xogo" e non se poden esquecer. 

Así as cousas, o representante de Anova e aspirante número tres pola provincia da Coruña, Martiño Noriega, tamén emprazou a participar activamente nos comicios do 12 de xullo porque non está en xogo unicamente un novo Goberno senón que nos xogamos a vida, está en xogo a nosa sanidade" logo dunha pandemia que demostrou a necesidade de reforzar os servizos públicos porque "só o pobo salva ao pobo". 

Para garantir uns servizos públicos robustos, a presenza de Galicia en Común no Goberno será imprescindible, esgrimiu, porque non basta "coa melancolía do bipartito" xa que "o cambio será a tres ou non será" polo que hai que buscar a suma dos rupturistas con socialistas e nacionalistas. 

No acto central do noveno día de campaña, tamén participaron os candidatos pola provincia pontevedresa Iria Figueroa e Marcos Cal

Na mesma liña, o número un pola provincia de Pontevedra, Eva Solla, urxiu a tomar as precaucións necesarias para frear a pandemia do coronavirus a través do cumprimento das medidas de distanciamento do mesmo xeito que tamén, de forma democrática, débese pór fin " pandemia que se chama Núñez Feijóo" que unicamente serviu para "precarizar e recortar os servizos públicos". 

No acto central do noveno día de campaña, tamén participaron os candidatos pola provincia pontevedresa Iria Figueroa e Marcos Cal, que recordaron que nas últimas citas electorais Galicia demostrou que "hai máis dun cincuenta por cento da poboación que quere un cambio" polo que "o que temos que facer é mobilizala"

Comentarios