Dimite a directora do centro ao que pertence o neno esquecido nun bus en Oleiros

Os pais concentráronse para sinalar que se trata dunha decisión "inxusta" e denuncian que foi "obrigada"
Transporte escolar. EFE
photo_camera Transporte escolar. EFE

Máis dun centenar de persoas –pais, nais, profesores e alumnos- concentráronse este venres cunha cacerolada ante o Colexio Luis Seoane, de Oleiros (A Coruña), en apoio á directora do centro que, segundo denuncian, foi “obrigada” pola inspección a dimitir do seu cargo tras o esquecemento dun neno nun autobús escolar.

Os feitos que propiciaron a dimisión sucederon o pasado martes cando un neno de 3 anos, que se subiu ao autobús pola mañá para ir ao colexio, quedou durmido e non baixou do, polo que, sen que ninguén se decatase da súa presenza, quedou encerrado no vehículo case cinco horas.

A secretaria do Ampa, Sonia Rodríguez, indica, en declaracións a Efe, que a “obrigada dimisión” é “inxusta” porque a directora estivo “pendente” da familia e o neno desde o momento en que se decatou do sucedido e denunciou que ninguén lle pregunta á empresa” de transportes “por que incumpriu todos os protocolos”.

O pai do neno afectado, conta, redactou un escrito para presentar ante a Xefatura Territorial de Educación no que solicita que “consideren a necesidade dun psicólogo” para o seu fillo, que non se atreve” a volver a clase.

Desde CIG-ENSINO emitiron un comunicado en apoio á directora, no que acusan á Xefatura Territorial da Coruña de “desviar a atención"

“Vemos necesario un curso de formación específica para monitores que acompañan aos nenos”, considerou o pai na carta, na que tamén manifesta o seu “pleno apoio” á directora do centro porque se puxo “en contacto” coa familia “desde o primeiro momento”.

Ademais, o Ampa tamén reúne firmas para solicitar a “readmisión” da directora do CEIL Luis Seoane. á protesta acudiron tamén a deputada do BNG Mercedes Queixas e o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane.

Por outra banda, desde CIG-ENSINO emitiron un comunicado en apoio á directora, no que acusan á Xefatura Territorial da Coruña de  “desviar a atención das responsabilidades que lle corresponden á administración, por ser quen contrata as empresas de transporte”.

Fontes da Consellería de Educación, consultadas por Efe, lamentan que a dirección do centro non comunicou os feitos á Xefatura Territorial, que se decatou “transcorridas máis de 24 horas” por canles “non regulamentarias”, polo que convocou nunha reunión á directora.

O responsable do servizo do transporte comunicou á Xunta o despedimento do persoal monitor que atendía ao alumnado usuario

No encontro que tivo lugar este xoves, “a directora do centro presentou a súa dimisión”, aseguran desde o departamento autonómico, que detallan que a Xefatura Territorial “prevé aceptar esta decisión a consecuencia dunha perda de confianza por non informar duns feitos desta gravidade”.

Ademais, o responsable do servizo do transporte comunicou á Xunta o despedimento do persoal monitor que atendía ao alumnado usuario. 

Comentarios