sábado. 28.03.2020 |
El tiempo
sábado. 28.03.2020
El tiempo

A dirección de En Marea acusa de transfuguismo aos deputados de Podemos

Grupo parlamentario de En Marea. PEPE FERRÍN
Grupo parlamentario de En Marea. PEPE FERRÍN

Cargan contra as últimas declaracións do secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, nas que considerou que Galicia En Común ten que ser a ferramenta política desde a que "construír o novo espazo" de confluencia ► Críticos do Grupo de En Marea prevén oficializar este martes o seu senador

O Consello das Mareas e a coordinadora de En Marea acusaron este luns aos deputados pertencentes a Podemos de estar "a incumprir gravemente" o acordo co que se comprometeron a actuar "sempre no nome de En Marea e en ningún caso representando intereses diferentes" polo que os acusa de transfuguismo.

Nun comunicado remitido á prensa, desde a dirección de En Marea cargan contra as últimas declaracións do secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, nas que considerou que Galicia En Común ten que ser a ferramenta política desde a que "construír o novo espazo" de confluencia.

Segundo En Marea, estas declaracións "supoñen unha práctica tránsfuga ao actuar dentro de En Marea ao servizo de intereses alleos", aínda que Gómez-Reino é na actualidade deputado no Congreso por En Común Unidas-Podemos logo de selo en representación de En Marea na pasada lexislatura.

En base a iso, a dirección do partido que lidera Luís Villares censura que os deputados de Podemos decidan traballar "a partir de agora nun proxecto político diferente que non é aquel por o que foron escollidos.

Para En Marea, esta forma de proceder "supón unha nova modalidade de transfuguismo ao traballar desde un proxecto político que intentaron dinamitar a favor doutro".

"Este transfuguismo camuflado significa que algunhas das persoas deputadas de En Marea están a romper a súa palabra de actuar sempre seguindo os intereses de En Marea, como sinalaba o primeiro dos cinco puntos do compromiso persoal de cargos", que foi asinado por todos os parlamentarios autonómicos tras as eleccións de setembro de 2016.

Por iso, desde a dirección do partido reclaman a todos os deputados que cumpran cos compromisos adquiridos.

Críticos do Grupo de En Marea prevén oficializar este martes ao seu senador
O Grupo de En Marea reunirase este martes no Parlamento de Galicia, un encontro no que o sector crítico co portavoz Luís Villares "prevé oficializar e formalizar" a candidatura do que fose edil de Culturas da Marea Atlántica, José Manuel Sande, como senador por designación autonómica. 

Fontes do grupo críticas coa dirección de En Marea consultadas por Europa Press informaron de que o obxectivo da cita é "formalizar a votación telemática" e elaborar unha acta na que se dé conta da decisión maioritaria do grupo e non "da postura unilateral do portavoz". 

E é que, estas fontes aseguraron que os servizos xurídicos da Cámara trasladáronlles que a decisión corresponde adoptala á totalidade do grupo e non só ao portavoz pero que debe ser trasladada de forma presencial e cunha acta de asistencia para que a Mesa do Parlamento a acepte. 

Ademais, consultado por Europa Press, o Parlamento galego confirmou que se esa é "a vontade maioritaria do grupo" deben "acreditala documentalmente a través dunha acta asinada polos asistentes á reunión" para trasladala á Mesa do Parlamento.

A dirección de En Marea acusa de transfuguismo aos deputados de...
Comentarios