A dirección de En Marea: "Non é o momento para pedir eleccións"

O sector discordante a Villares sinala que a "autonomía" das mareas municipalistas debe ser respectada

Luís Villares. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Luís Villares. PEPE FERRÍN (AGN)

O sector crítico coa dirección de En Marea afearon que o portavoz rupturista, Luís Villares, non agardase ao pronunciamento do "consello político" da organización e pedise publicamente a convocatoria de eleccións no caso de que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, abandone a Xunta para relevar a Mariano Rajoy á fronte da dirección nacional do PP.

"Criticamos que se fixese esa declaración cando non había unha posición tomada polo Consello das Mareas. É o consello político quen ten que tomar a decisión", declarou Gladys Afonso (Anova), que actuou como portavoz do sector crítico coa dirección de En Marea ao termo da reunión do Consello celebrada este sábado.

Así, Afonso, acompañada por Daniel Calvete e Oriana Méndez (tamén de Anova), asegurou que, para o sector crítico de En Marea, "non é o momento de solicitar unhas eleccións anticipadas senón de reclamar que o PP renda contas diante do pobo galego".

Deste xeito, os críticos —enfrontados desde fai máis dun ano ao sector que controla os órganos políticos de En Marea— difire do criterio da dirección e de Villares, que reclamaron a convocatoria de eleccións autonómicas se Feijóo dá o salto a Madrid e decide deixar a Presidencia da Xunta de Galicia.

Para este grupo —integrado por representantes de Anova, EU, Podemos e algunhas mareas municipalistas como Marea Atlántica—, a reclamación efectuada por Villares o pasado xoves "tería que ser decidida amplamente pola dirección política e o conxunto de inscritos" antes de que o portavoz "saíse á palestra cun tema deste calado".

LECCIÓNS MUNICIPAIS

Por outra banda, acusaron á dirección do partido instrumental de querer crear "franquías" nas distintas localidades co seu ofrecemento para que En Marea sirva de marca "paraugas" nas eleccións municipais do próximo ano de cara a aumentar o peso das mareas nas deputacións.

Así, após defender que as mareas municipalistas deben gozar de "autonomía", aseguran que articular os proxectos locais baixo a "marca" En Marea "vai en contra da autoorganización das clases sociais populares galegas que con iniciativa, independencia e autonomía decidiron en 2015 tomar as rendas do seu destino".

Por iso, cren que En Marea debe limitarse a "apoiar" as súas decisións e "non impor nin marcas nin franquías". "Son as mareas as que teñen que decidir como queren coordinarse e organizarse", engadiu Gladys Afonso.

Respecto ao reto lanzado desde Cerna para que os partidos que conforman En Marea "se disolvan" en aras de facer que na organización rupturista só existan persoas a título individual e non formacións políticas, os críticos evitaron pronunciarse porque consideran que se trata de "unha decisión" da propia Cerna. 

Comentarios