O dobre drama dos dous nenos orfos

Os seus pais, un matrimonio de orixe marroquí que se asentou en Galicia fai uns vinte anos, faleceu tras incendiarse a súa casa. Os menores puideron salvar a súa vida

Cascallos na zona afectada pola explosión en Paramos. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Cascallos na zona afectada pola explosión en Pairamos. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Dous nenos de apenas 13 e 8 anos de idade representan a cara máis dramática da tremenda explosión que este mércores fixo tremer Tui e arrasou a pequena aldea na que vivían no lugar de Pairamos, deixando un reguero de vítimas e de destrución en decenas de vivendas.

Os peores parados foron os seus pais, un matrimonio de orixe marroquí que se asentou en Galicia fai uns vinte anos e que faleceu tras incendiarse a súa casa, onde tamén estaban os nenos, aínda que nunha habitación diferente, separada por un muro que resistiu e que foi o que puido salvarlles a vida.

Ao trauma de perder os seus pais únese que os pequenos temeron, tras ser rescatados e levados ao hospital, xa que o maior resultou ferido, que se acababan de quedar orfos, o que este mércores acabouse confirmando.

Foi grazas ao seu relato que a Garda Civil identificou o pai, tras o achado este mércores do cadáver da nai, como a única persoa desaparecida que os equipos de urxencia debían buscar entre a pila de cascallos na que quedou reducida a zona onde explotou un almacén clandestino de material pirotécnico.

Un tío dos menores desprazouse desde Alxeciras ata Galicia e expresou a súa predisposición a facerse cargo deles

Tras asegurar os Tedax a zona, os bombeiros, coa axuda dun equipo de rastrexo con cans, localizou este mércores o corpo sen vida do pai, que quedara oculto baixo unha chea de cascallos.

Tal e como sinalou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras visitar a zona, "o peor de todo" o que ocorreu en Tui é que dous nenos se quedasen orfos e ademais sexan conscientes do sucedido.

Un tío dos menores desprazouse desde Alxeciras ata Galicia e expresou a súa predisposición a facerse cargo deles, aínda que a decisión acordaraa con outros familiares dos nenos, xa que ademais teñen unha tía que reside en Francia e outros achegados en Marrocos.

Varios cidadáns marroquís achegáronse ata o centro cultural de Guillarei, onde se instalou o punto de atención ás vítimas, para dar apoio a este familiar e para expresar a súa solidariedade.

Neste punto son decenas as persoas que están a recibir axuda, tanto psicolóxica, como alimentaria, coa colaboración desinteresada de particulares que están a achegar bolsas con comida e bebida.

Un total de 33 familias durmiron a pasada noite fóra das súas casas, 27 das cales atoparon acomodo nas vivendas doutros familiares, mentres que as seis restantes foron reacollidas en hoteis.

O arquitecto municipal de Tui cifrou en polo menos 60 as vivendas que presentan danos severos pola deflagración e que serán obxecto de valoración sobre se estes son estruturais ou non. A iso súmanse decenas de vivendas con outro tipo de danos, sobre todo en portas, fiestras e persianas, a varios quilómetros de onde se produciu a explosión.

Unha vez asumido o impacto, os veciños que puideron achegarse ata as súas casas dedicaron a xornada deste xoves a facer reconto de danos e a tapar con lonas os ocos nos tellados, algunhas fendas de varios metros, para tratar de salvar os aveños da choiva que estaba prevista e que caeu con forza esta tarde.

O mesmo fixeron nun centro católico de espiritualidade, onde sacaron a fume de carozo imaxes, libros e vestimentas relixiosas para polos a resgardo noutro emprazamento, xa que o templo quedou esnaquizado por dentro.

SEN CASA. Nin sequera iso puideron facer quen vivían practicamente porta con porta co almacén ilegal de material pirotécnico, xa que das súas vivendas non quedan senón uns muros derruidos, cando non un solar.

Tal é o caso de Jaime Bugallo, quen tivo a sorte polo menos de estar a traballar en Vigo cando se produciu a explosión que algúns veciños confundiron cun terremoto ou cunha bomba. Non tiña contratado seguro, polo que teme terse quedado sen a vivenda na que se instalou desde fai máis dunha década.

Este veciño de Paramos indicou que sabía que o dono da pirotecnia almacenaba material na casa de á beira pero pensaba que eran "paus, cartón", en ningún caso foguetes e bombas de palenque, cuxos restos permanecen esparexidos a centenares na denominada zona cero desta traxedia, onde aínda cheira a fume e a dinamita. 

Comentarios