Dous detidos pola morte dun peregrino alemán en Pontevedra

Son dous mozos de 34 e 20 anos, residentes na Boa Vila e Marín
Zona donde se produjo el enfrentamiento con un peregrino alemán. RAFA FARIÑA
photo_camera Zona donde se produjo el enfrentamiento con un peregrino alemán. RAFA FARIÑA

A Policía Nacional detivo a dous mozos de 34 e 20 anos como presuntos autores da morte dun peregrino alemán que foi agredido nas inmediacións dun local de copas de Pontevedra.

O suceso produciuse o pasado 12 de agosto cando a vítima, que se atopaba facendo o Camiño de Santiago, saíu de noite cuns amigos e foi agredido brutalmente.

Björn Hoffan, un home de 42 anos, quedou inconsciente polos golpes recibidos na cabeza e, xa no hospital, negouse a ser asistido polos médicos e marchouse polo seu propio pé.

Dez horas despois, tras retomar a súa peregrinación a Santiago, o home comezou a sentirse mal e os seus compañeiros trasladárono ao centro de saúde de Caldas de Reis. Unha vez no centro médico, comezou a convulsionar e foi trasladado por unha ambulancia medicalizada ao Hospital Montecelo de Pontevedra e, posteriormente, ante a gravidade das súas lesións, ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde faleceu o pasado 25 de agosto.

A investigación policial logrou identificar a todos os implicados na liorta, tras ouvir a declaración de máis de vinte testemuñas que, de xeito pormenorizado, relataron o que recordaban da pelexa na que se viu envolvida a vítima.

A reconstrución dos feitos permitiu á Policía Nacional identificar ás dúas persoas que, presuntamente, agredirían ao peregrino alemán, dous mozos de 34 e 20 anos, residentes en Pontevedra e Marín, respectivamente, e con antecedentes policiais.

Ambos foron detidos nas últimas horas, acusados dun delito de homicidio, e foron postos a disposición do xulgado de instrución número 2 de Pontevedra.