domingo. 19.09.2021 |
El tiempo
domingo. 19.09.2021
El tiempo

Educación defende que o protocolo para o próximo curso recolle "un esforzo" en persoal e en loxística

Reunión da conselleira de Educación, Carmen Pomar, co presidente da FEGAMP, Alberto Varela. FEGAMP
Reunión da conselleira de Educación, Carmen Pomar, co presidente da FEGAMP, Alberto Varela. FEGAMP
Di que ten o "claro compromiso" de responder as demandas coa contratación "do persoal que sexa necesario"

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, defendeu que o protocolo presentado polo seu departamento para o próximo curso escolar "recolle un esforzo" do Goberno galego tanto en recursos humanos como en asuntos de loxística e lamentou que os sindicatos non se sentaran a negociar o documento. 

Tras unha reunión este mércores co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, sobre a xestión da limpeza nos centros no curso que arrinca en setembro, a conselleira respondeu a preguntas dos medios sobre as protestas dos docentes, que piden unha maior contratación de persoal. 

Pomar afirmou que Educación "vai responder ás necesidades e as demandas, tanto en posibles desdobres de grupos como nese reforzo e apoio en aulas en persoal docente e non docente "e asegurou que o departamento mantén o seu "claro compromiso", do mesmo xeito que "nos últimos anos", de responder "as demandas con contratación do persoal que sexa necesario". 

Sobre a protesta deste martes, a segunda dos docentes contra o protocolo, Pomar indicou que foi convocada polas organizacións sindicais e non de forma "individual" polo profesorado, e lamentou que os sindicatos non sentasen a negociar as dúas veces que foron chamados a debater o documento. 

A consellería, resaltou, xa conta con "equipo de asesores Covid" que responderán ás dúbidas dos centros e mañá haberá unha nova reunión coa xunta autonómica de directores para explicar as instrucións para a planificación e programación do primeiro trimestre e as adaptacións para o alumnado, que tras meses fóra das aulas, "vai necesitar un reforzo", en especial nos casos de cambio de ciclo. 

Dito reforzo reflectirase con profesorado "que axudará aos titores nas aulas", indicou Pomar, que sinalou que Educación está tamén "planificando" os recursos económicos para a dotación de tecnoloxía para os alumnos "máis desfavorecidos" no caso de que sexa necesario volver suspender a educación presencial. A situación sanitaria, da que dependerá a decisión de volver ás aulas telemáticas, "cambia de semana en semana", aínda que Galicia ten "unha situación aceptable", se se compara con outras comunidades, manifestou.

GRUPOS DE 25. Pomar defendeu a proposta de que os alumnos se integren en grupos "estables de convivencia" de 25, dentro do "concepto de burbulla co seu titor". Outras comunidades, agregou, recorreron a estas mesmas cifras. Esta medida "vai permitir que as relacións deses nenos sexan o máis acoutadas posibles", afirmou e recordou que "fóra da aula deben usar máscara"

FONDOS PARA A LIMPEZA DE COLEXIOS. O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, criticou na reunión mantida este mércores con Carmen Pomar, que a Xunta non vaia habilitar un fondo extraordinario para compensar aos concellos polas tarefas de limpeza especiais, derivadas da pandemia pola Covid-19, que deberán asumir nos centros escolares de primaria.  Os alcaldes, dixo, están "preocupados" por este gasto en limpeza. "Cárgase de obrigacións aos concellos, que non imos ter moita capacidade de asumilas". 

A única posibilidade que traslada o Goberno autonómico para que os municipios conten con fondos adicionais para este fin é "que veñan do Estado", reprochou Pomar. Precisamente, a conselleira replicou que a Xunta está á espera de coñecer como se concretan as transferencias especiais que fará o Executivo central pola crise sanitaria, parte das cales serán para educación, para comprobar se se reserva unha parte a este aspecto. 

Educación defende que o protocolo para o próximo curso recolle "un...
Comentarios