Educación reabre o luns o proceso para solicitar praza nun centro

O prazo, interrompido polo estado de alarma, prolongarase ata o día 18. A partir da próxima semana deberá haber de novo algún membro do equipo directivo nos centros

Un profesor en un aula. ARCHIVO
photo_camera Un profesor en un aula. ARCHIVO

O sistema educativo vai retomando os prazos administrativos de cara ao novo curso escolar. Así, a Consellería de Educación reabrirá o vindeiro luns o proceso para solicitar unha praza de novo ingreso, que xa se iniciara e se prolongará ata o día 18 de maio, e reinstaurará a presenza obrigatoria dalgún membro do equipo directivo nos centros.

O departamento dirixido por Carmen Pomar considera "necesario" restablecer o prazo de presentación de solicitudes e adaptar as fases posteriores, para que o alumnado teña asegurada a súa praza e os centros poidan arrincar "con normalidade" a preparación do curso.

O período de admisión afecta ao alumnado de nova entrada no sistema educativo e aquelas familias que desexen cambiar os seus fillos de centro. É un proceso diferente á matriculación ordinaria, que terá que formalizarse posteriormente e nun prazo distinto.

As listas provisionais de admisión publicaranse o 8 de xuño

A Administración restablecerá o prazo a partir do luns para a presentación destas solicitudes de admisión para o segundo ciclo de educación infantil, primaria, Eso e bacharelato, e estenderase polo tempo que restaba no momento no que se declarou o estado de alarma. E é que o proceso xa dera comezo entón. Así é que agora o prazo terminará o día 18 de maio e cada centro rexistrará as solicitudes na aplicación de xestión no día inmediato hábil e seguinte ao da súa presentación.

A documentación acreditativa dos criterios do baremo poderase presentar ata o 26 de maio e as listas provisionais de admisión daranse a coñecer o 8 de xuño. Tras o período de reclamacións (prazo de tres días hábiles desde o seguinte a esta publicación), a listaxe definitiva será pública o 26 de xuño.

O período de matrícula ordinario estenderase entre o 1 e o 10 de xullo no caso de infantil e primaria, Eso e bacharelato, mentres que o extraordinario convocarase entre o 1 e o 10 de setembro.

Os sindicatos reclaman medidas e protocolos "claros" para o regreso ás aulas

PERSOAL DIRECTIVO E DE LIMPEZA. Outro punto aprobado refírese á reinstauración da obrigatoria da presenza de algún dos membros do equipo directivo en cada centro a partir deste luns. No caso de centros de seis ou máis unidades, deberá estar un membro da directiva en xornada de mañá, e nos de menos de seis, un director ou profesor responsable durante os días necesarios para os trámites de escolarización, entre outros procesos.

As direccións poderán establecer a obrigatoriedade da presenza do persoal administrativo que consideren oportuno para atender todos os trámites derivados do proceso de admisión.

Educación tamén se refire á presenza obrigatoria do persoal de limpeza para tarefas de desinfección, que será diaria. Eses traballos incluirán tanto as instalacións como as superficies de contacto máis frecuentes, é dicir, os pomos das portas, mostradores, mobles e pasamáns, entre outros elementos, utilizando disolucións de lexía ou desinfectantes autorizados polo Ministerio de Sanidade.

¿Como será o novo curso?
O reinicio dos trámites prodúcese nun marco de incerteza en torno ao retorno ás aulas en setembro, ante a falta de criterios claros para cumprir as condicións sanitarias. O Ministerio de Educación convocou as comunidades autónomas o 14 de maio para abordar estas cuestións no marco da conferencia sectorial.

O departamento dirixido por Isabel Celaá está a analizar a posibilidade de combinar o ensino presencial co telemático. Deste xeito, as aulas retomaríanse coa metade da ocupación --é dicir, cuns 15 nenos nunha clase pensada para 30 ou 40--, unha proposta que de momento non foi debatida coas comunidades autónomas.

Protocolos 
Os sindicatos galegos e as asociacións de pais reclaman que se diten instrucións e protocolos claros antes de anunciar o regreso ás aulas. Así, Anpe esixe que se adopten as medidas de protección sanitarias necesarias e as indicacións que permitan unha planificación "rigorosa" nos centros.

CIG-Ensino, pola súa banda, mostra a súa "preocupación" pola aparente "improvisación" coa que se actúa desde o Goberno central e pide que se dialogue coa comunidade educativa para adoptar "solucións reais" ante a problemática e a planificación do curso, como o reforzo de profesorado, realizar desdobres ou reducir o número de estudantes por aula.

Comentarios