viernes. 24.01.2020 |
El tiempo
viernes. 24.01.2020
El tiempo

O número de funcionarios crece en Galicia en sanidade e xustiza, pero baixa en educación

Un médico atende a un neno.
Un médico atende a un neno.

Facenda corrixe o Goberno e asegura que os efectivos da Administración autonómica a 1 de xaneiro creceron ata 87.315

A Consellería de Facenda corrixiu os datos do Ministerio de Política Territorial ao asegurar que o persoal da Administración autonómica a 1 de xaneiro creceu ata os 87.315 efectivos, 320 máis que o ano anterior. 

Nun comunicado, Facenda explica que esta cifra non coincide coa publicada este luns polo ministerio no boletín do rexistro central de persoal, "dado que este boletín non computa desde 2016 o persoal funcionario docente en período de prácticas logo de superar a correspondente oposición". Por esta razón, segundo apunta, as cifras referentes a Galicia "non permiten realizar comparativas homoxéneas con anos anteriores". 

O maior volume de efectivos públicos na Xunta concéntrase na área de institucións sanitarias, segundo destaca a consellería. O número de empregados dependente da Xunta na sanidade pública ascende a 35.136 efectivos, cun incremento, de acordo cos seus cálculos, de 592 traballadores respecto dun ano antes. 

"Con este aumento de persoal -do 1,7%-, a cifra de efectivos na sanidade pública de Galicia é a máis elevada da historia, superando a cifra do ano 2009", reivindica. 

No ensino, os datos da Xunta "mostran que o persoal nos centros educativos mantense totalmente estable, xa que a diminución de efectivos é inferior ao 0,2%". 

Co volume de empregados públicos da Xunta, de 33.877 persoas, afirma que se garante que Galicia siga sendo a comunidade co mellor cociente profesor/alumno de toda España". 

POR XUBILACIÓN. En canto ao ámbito de consellerías, o número de efectivos descende en 244 persoas, unha baixada que a Consellería de Facenda explica polo número de traballadores que accede á idade de xubilación, e cuxo ritmo de reposición, di, "está a ser máis lento como consecuencia das taxas de reposición establecidas na lexislación do Estado". 

Finalmente, na xustiza dá conta dun incremento de 23 efectivos respecto ao ano anterior. 

O número de funcionarios crece en Galicia en sanidade e xustiza,...
Comentarios