Endesa, Alcoa e Repsol foron os principais emisores de CO2 en Galicia en 2019, segundo ecoloxistas

Galiza sen Carbón subliña que en 2019 as centrais térmicas da comunidade rebaixaron un 75% o dióxido de carbono enviado á atmosfera
Meirama, en Cerceda. ARCHIVO
photo_camera Meirama, en Cerceda. ARCHIVO

A empresa enerxética Endesa, a de aluminio Alcoa e a petroleira Repsol foron as tres principais emisoras de dióxido de carbono (CO2) en 2019 en Galicia, segundo a asociación ecoloxista Galiza sen Carbón, que prognostica unha redución maior este ano dese gas.

O colectivo apunta que a central térmica das Pontes, de Endesa, emitiu 2,3 millóns de toneladas de CO2 á atmosfera o ano pasado, ás que se engadirían 0,7 millóns máis de toneladas emitidas pola central adxunta de ciclo combinado de gas natural.

A fábrica de aluminio primario da multinacional estadounidense Alcoa de San Cibrao, con 1,1 millóns de toneladas de CO2 o ano pasado, situouse como a segunda máis contaminante de Galicia superando á enerxética Naturgy, que ten previsto pechar este ano a térmica de Meirama.

En terceira posición figura a petroleira Repsol, que conta cunha refinería na Coruña, e que o ano pasado emitiu un millón de toneladas de dióxido de carbono, segundo Galiza sen Carbón.

Naturgy situouse en cuarta posición coa emisión de 0,6 millóns de toneladas de CO2 da súa central de ciclo combinado de gas de Sabón e aínda 0,2 millóns de toneladas da térmica de Meirama.

A asociación ecoloxista subliña que as centrais térmicas de Galicia rebaixaron un 75,2% o total de CO2 enviado á atmosfera en 2019 respecto ao ano anterior, de maneira que as emisións totais galegas de gases de efecto invernadoiro "caeron ao nivel máis baixo" rexistrado desde 1990. Vincula ese descenso co aumento do prezo que deben abonar as empresas no mercado europeo en base ao principio de quen contamina paga, que penaliza ao carbón fronte a gas.

Comentarios