Evacuado por precaución un centro de educación en Ourense por mor dun incendio

O lume estaba localizado no exterior do edificio

Un incendio nun cadro eléctrico localizado no exterior dun centro de formación profesional obrigou, por precaución, a desaloxar aos seus ocupantes esta mañá. Segundo a información facilitada polos bombeiros, o lume foi extinguido polo propio persoal do centro coa axuda dun extintor.

Ás 9.45 horas, o 112 Galicia recibiu unha chamada de alerta que informaba dun incendio no muro do edificio. De acordo coa información facilitada aos xestores do 112, a proximidade de diversos coches na contorna das instalacións podería representar un perigo, e, polo tanto, activouse un protocolo interno de evacuación, sen que se rexistrasen danos persoais.

Nada máis ter constancia dos feitos, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención dos Bombeiros de Ourense, ademais dos axentes da Policía Local.

Unha vez no lugar, os bombeiros confirmaron que o incendio unicamente afectou ao cadro e procederon a revisar a instalación eléctrica. Ás 10:30 horas, os alumnos puideron retornar ao centro con normalidade.